Acuicultura

O voceiro do Mar do Grupo Popular valora o anuncio efectuado onte por Alberto Núñez Feijóo, que confirmou a posta en marcha dun novo proxecto acuícola en Cervo que achegará un investimento de 20 millóns de euros e entorno a 70 novos postos de traballo

BALSEIRO: “SE PSOE E BNG HOXE GOBERNASEN O POLÍGONO DE CUIÑA NON PODERÍA ALBERGAR A NOVA PISCIFACTORIA”

Vista aérea dunha parte do Polígono Empresarial de Cuiña en Cervo

  • Ata en dúas ocasións, no Parlamento de Galicia -en decembro de 2007- e no pleno municipal de Cervo -en xaneiro de 2008-, socialistas e nacionalistas votaron en contra das iniciativas populares para incorporar o Polígono de Cuiña no plan acuícola, tras ser excluído polo bipartito
  • Cando o PP volveu ao goberno autonómico corrixiu a decisión do bipartito de deixar fóra do plan acuícola este emprazamento e incorporou, a maiores, 150.000 metros cadrados de terreos nos arredores, para desenvolver novos proxectos acuícolas
  • Balseiro sempre defendeu que o polígono de Cuiña era un dos mellores emprazamentos para piscifactorías de Galicia polas súas inmellorables características xeográficas e ambientais

 

Santiago, 6 de maio de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou que se PSOE e BNG hoxe gobernasen, o polígono de Cuíña non podería albergar a nova piscifactoría anunciada onte polo Presidente da Xunta. Socialistas e nacionalistas terían bloqueado a posibilidade de achegar un investimento de 20 millóns de euros e un proxecto que, segundo se confirmou onte, permitirá xerar entorno a 70 postos de traballo.

Balseiro lembrou que ata en dúas ocasións, PSOE e BNG votaron en contra das iniciativas formuladas polo PP e polo propio Balseiro, para corrixir a decisión da Xunta bipartita que decidiu deixar fóra do plan acuícola ao polígono de Cuíña, impedindo calquera nova piscifactoría ou a ampliación das xa existentes.

A primeira ocasión foi en decembro do ano 2007, no Parlamento de Galicia, cando PSOE e BNG votaron en contra dunha iniciativa da que era autor o propio deputado Jose Manuel Balseiro, instando ao daquela Goberno bipartito da Xunta a corrixir a decisión de excluír ao polígono de Cuíña da posibilidade de acoller novas piscifactorías.

Unha vez máis, en xaneiro de 2008, socialistas e nacionalistas votaron en contra dunha moción presentada polo PP no Pleno Municipal de Cervo na que se instaba á inclusión do polígono de Cuíña no plan galego de acuicultura tras a exclusión que fixo o bipartito.

Por fortuna tras a volta do PP ao goberno autonómico corrixiuse a decisión do bipartito de excluír este emprazamento do plan acuícola e incluso se incorporaron, a maiores, 150.000 metros cadrados de terreos nos arredores, para desenvolver novos proxectos acuícolas

 UN DOS MELLORES EMPRAZAMENTOS DE TODA GALICIA

 Balseiro insiste en que Cuíña é un dos mellores emprazamentos de toda Galicia para albergar granxas para o cultivo de peixes, como demostra o feito de que hoxe alí está situada unha das piscifactorías de maior produción de Galicia, algo que non sería posible se non presentase estas condicións óptimas.

 Estas características positivas responden a aspectos de tipo xeográfico e ambiental: amplas superficies libres de terreo a escasa distancia respecto do mar, con gran calidade das súas augas e con estabilidade nos seus parámetros físicos, e moi en concreto, na salinidade e na temperatura.

 Balseiro pide finalmente a socialistas e nacionalistas que rendan consta en Galicia pola decisión de excluír a Cuíña –por motivos políticos e non técnicos- deste plan acuícola e tamén deberan explicalo os responsables locais destes partidos por votar en contra de xerar riqueza e postos de traballo neste concello e na comarca, como o tempo ten demostrado.