Comisión de Pesca 13/05b

Os populares logran introducir no acordo final as dragaxes dos portos de Burela e Foz, que o PSOE deixaba fóra “inexplicablemente” da súa iniciativa

O PARLAMENTO GALEGO ACORDA POR UNANIMIDADE INSTAR Á XUNTA A ACOMETER AS DRAGAXES DAS DÁRSENAS DE FOZ, RIBADEO, VIVEIRO E BURELA

 logo_portos-g

  • O acordo final modifica o texto proposto polo PSOE e recolle na súa literalidade a emenda popular “para non xerar portos de primeira e de segunda categoría” e que en todos se solucionen os problemas de calado detectados
  • O presidente de Portos de Galicia confirmou, no Parlamento, que está en marcha a tramitación técnica económica e administrativa de todas estas dragaxes ante as demandas formuladas polos usuarios

 

Santiago, 13 de maio de 2015.- O Parlamento galego acordou, por unanimidade, instar á Xunta de Galicia a “continuar as xestións en curso e os trámites preceptivos xa en marcha e acometer de xeito inmediato o dragado das dársenas portuarias de Foz, Ribadeo, Viveiro e Burela, co fin de recuperar a súa operatividade e evitar posibles situacións de risco para as persoas e as embarcacións”

O acordo final modifica o texto proposto polo PSOE e recolle na súa literalidade a emenda formulada polo Grupo Popular, que corrixe a iniciativa orixinal e incorpora, ademais das dragaxes de Viveiro e Ribadeo, as dos portos de Burela e Foz, que o PSOE deixaba fóra “inexplicablemente” da súa iniciativa.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro explicou que o seu partido logrou introducir no acordo final estas dúas localidades convencidos de que a iniciativa socialista “se quedaba corta” e tras indicar que ante “a mesma problemática deben darse as mesmas solucións, porque os populares, a diferenza do PSOE, non queremos ter portos de primeira e de segunda categoría en función dos intereses electorais e partidistas.

TODAS AS DRAGAXES EN TRAMITACIÓN

 Finalmente, o voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro lembrou que fai unhas semanas, o Presidente de Portos de Galicia, Jose Juan Durán, confirmaba –a preguntas do Grupo Popular e en sede parlamentaria– que están en marcha a tramitación técnica económica e administrativa de todas estas dragaxes, ante as demandas formuladas polos usuarios e os problemas de calado detectados.

Balseiro lembrou que a tramitación dunha dragaxe é un proceso complexo, desde o punto de vista técnico, no que participan distintas administracións, que realizan varios informes sobre as actuacións a acometer. Por iso, salienta a importancia de que Portos de Galicia xa estean impulsando os trámites que lle corresponden e establecendo as condicións técnicas e orzamentarias necesarias para acometer as dragaxes das dársenas portuarias de Ribadeo, Foz, Burela e Viveiro, á maior brevidade posible.