Comisión de Pesca 17/06

O voceiro do Mar subliña o compromiso do Goberno galego coa mellora do saneamento da ría, a través do impulso do plan local en coordinación coas administracións municipais, a fin de intensificar a solución aos problemas que está a sufrir o sector pesqueiro e marisqueiro

O GRUPO POPULAR DEFENDE NO PARLAMENTO A CONTINUIDADE DAS MEDIDAS IMPULSADAS POLA XUNTA E DIRIXIDAS Á REXENERACIÓN DA RÍA DE PONTEVEDRA

Ria-de-Pontevedra-isla-de-Tambo-y-desembocadura-del-rio-Lerez

  • Balseiro lembrou que nos últimos catro anos o Goberno galego investiu máis de 245.730 euros en nove proxectos de rexeneración impulsados polas confrarías da ría
  • Por outra banda, os populares aseguran que o servizo estatal de vixilancia aduaneira desminte que teña previsto ou estudado o traslado das súas embarcacións de Vilagarcía de Arousa

Santiago, 17 de xuño de 2015.- O Grupo Popular defendeu esta mañá, na sesión da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, a continuidade das medidas impulsadas pola Xunta e dirixidas á rexeneración da ría de Pontevedra.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou que só nos últimos catro anos o Goberno galego investiu máis de 245.730 euros en nove proxectos de rexeneración presentados polas entidades asociativas do sector, a través das correspondentes convocatorias anuais publicadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, ademais de colaborar en tarefas de vixilancia e control biolóxico.

A maiores, os populares subliñaron o compromiso do Goberno galego coa mellora do saneamento da ría, manifestado a través do impulso do plan de saneamento local que a Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia coordinan coas administracións municipais, a fin de intensificar a solución aos problemas que está a sufrir o sector pesqueiro e marisqueiro

Os populares defendían precisamente a continuidade e intensificación destas medidas xa en marcha a través dunha emenda á iniciativa do Bloque Nacionalista Galego que demandaba a rexeneración da ría, pero que non foi aceptada polos nacionalistas obrigando ao voto en contra do PP, por canto un acordo distinto suporía desprezar todo o traballo que se leva feito para acadar á rexeneración produtiva da ría.

VIXILANCIA ADUANEIRA

Por outra banda, en relación coa iniciativa do BNG sobre o servizo de vixilancia aduaneira os populares dixeron que, consultada a axencia estatal de Administración Tributaria, esta confirma que non adoptou ningunha decisión, nin ten previsto facelo no futuro,sobre o traslado dalgunha das embarcacións de vixilancia aduaneira con base en Vilagarcía de Arousa. Os populares, polo non van a contribuír a dar fe a un rumor nin van a aprobar un acordo preventivo, como o proposto polos nacionalistas, baseado nun argumento que a propia administración desminte (di que é falso)

Balseiro reprochou ao BNG que tendo en conta que Vixilancia Aduaneira é un organismo estatal dependente do Ministerio de Facenda o lóxico é que tiveran formulado unha pregunta no Congreso ou no Senado, pois de facelo, hoxe non debateríamos esta iniciativa, porque terían a resposta oficial do Ministerio desmentido estes feitos.