Opinión

Notable paso adiante contra o furtivismo

marisqueo-ribadeo4

Sumamos un novo paso adiante. Un avance notable e decisivo, cando este mércores entre en vigor o cambio normativo polo que o furtivismo pasa a ser considerado como delito no Código Penal. Cúmprese así unha demanda recorrente das e dos profesionais do mar e do marisqueo

O furtivismo é un problema global que afecta a todos: aos profesionais do mar, porque a actividade furtiva constitúe unha competencia desleal ao seu traballo; aos consumidores, porque o produto que chega aos nosos pratos froito dunha acción ilegal non ten as mesmas garantías hixiénico-santiarias; aos petos de todos os galegos, porque os furtivos non pagan ningún imposto e xeran un custe polas medidas para o seu control; e finalmente, á imaxe dos produtos do noso mar, un dos maiores patrimonios dos que dispón Galicia.

Así o entendeu o Partido Popular e por iso, desde o primeiro minuto no que accedeu á responsabilidade de Goberno, vén traballando con intensidade no combate desta lacra, con iniciativas tales como a recuperación das patrullas conxuntas entre Gardacostas e Policía autonómica ou a intensificación das labores de control, que se materializan hoxe na mellora xeneralizada de todas as ratios obxectivas sobre incautacións, comisos e freo á acción dos furtivos.

Con gran acerto, o departamento autonómico que dirixe Rosa Quintana desenvolveu unha nova estratexia de loita contra esta lacra moito máis activa, da man dos profesionais, definida pola responsabilidade e a firmeza, e que contrasta con outras épocas onde os furtivos tiñan todas as facilidades.

Neste importante camiño sumamos un novo paso adiante. Un avance notable e decisivo, cando este mércores entre en vigor o cambio normativo polo que o furtivismo pasa a ser considerado como delito no Código Penal. Cúmprese así unha demanda recorrente das e dos profesionais do mar e do marisqueo.

Unha modificación, impulsada polo PP, que porá fin aos privilexios penais do furtivo e a esa sensación de impunidade que moitas veces tiñan os profesionais do mar fronte a acción dos ilegais. A partir de agora todo aquel que extraia marisco sen o debido permiso, será castigado cunha pena de catro a oito meses de prisión. Ou de seis meses a dous anos se a conduta afecta á sostibilidade dos recursos das zonas marisqueiras ou acuícolas. Estas penas levarán á cadea a aqueles casos nos que os furtivos reincidan no seu delito, pola acumulación de antecedentes

Xa en 2010 o Partido Popular de Galicia defendía, sen o apoio dos grupos da oposición, esta demanda que gañou folgos coa recuperación dos Gobernos autonómico e central. O resultado é froito do intenso traballo desenvolvido polos cargos públicos populares nas distintas cámaras lexislativas (Parlamento galego, Congreso e Senado) así como o papel decisivo e persistente da Xunta por defender a actividade e o futuro desa inmensa maioría de profesionais que cada día, en cada punto da nosa costa, realizan o seu traballo cumprindo ás normas.