Defendemos un aumento das cotas de pesca

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, asegura que este incremento é coherente coa mellora da situación dos caladoiros que están a constatar tanto os informes científicos como os profesionais do mar

 O GRUPO POPULAR DE GALICIA DEFENDE O AUMENTO DAS COTAS DE PESCA PARA A FLOTA GALEGA O ANO PRÓXIMO

 Pesca

  • Presentan unha iniciativa para que o Parlamento manifeste o apoio ás iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia para seguir defendendo este aumento das posibilidades de pesca

Santiago, 1 de xullo de 2015.- O Grupo Parlamentario Popular de Galicia defende a necesidade dun aumento das posibilidades de pesca para a nosa flota en 2016. Con este obxecto os populares presentan unha iniciativa na Cámara galega na que buscan que as distintas forzas políticas con representación no Parlamento autonómico manifesten o seu apoio expreso ás iniciativas impulsadas pola Xunta para seguir defendendo este aumento das posibilidades de pesca diante das autoridades correspondentes, estatais e comunitarias.

MELLORA DA SITUACIÓN DOS CALADOIROS

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, asegura que reclamar este incremento é defender unha petición coherente coa mellora da situación dos caladoiros que están a constatar os distintos informes científicos e tamén coherente coa propia experiencia práctica dos profesionais do mar que, na súa actividade diaria, acreditan a boa situación da maioría dos principais recursos pesqueiros obxecto de interese comercial para nosa flota.

 Balseiro lembra tamén tanto a Xunta de Galicia como o propio PP considera que existe un amplo marxe para a mellora destas cotas, afectadas por unha clave de reparto fixa, aprobada tras a entrada de España na UE e que, a pesar dos incrementos conseguidos nos últimos anos, non se adecúan á capacidade real da nosa flota.

 COMPLEXO PROCESO DE NEGOCIACIÓN

 Balseiro explicou que a decisión final –que se adoptará no mes de decembro- é froito dun complexo proceso de negociación nas institucións comunitarias, que se inicia previamente cun amplo período de consultas coas autoridades dos Estados membros e as autonómicas, e un debate coas partes interesadas, en particular, nas reunións dos consellos consultivos rexionais correspondentes.

Para fortalecer a demanda da Xunta e dos profesionais da pesca galega os populares buscan que o Goberno galego acuda a futuras mesas de negociación co respaldo expreso do Parlamento galego, por entender que a defensa dun aumento da cota é un obxectivo preferente nun ámbito como o pesqueiro que ten un carácter estratéxico para a economía de Galicia.

 Os populares amosan o seu respaldo ao Goberno autonómico para seguir avanzando en cantas medidas se estimen acaídas para ampliar e darlle máis oportunidades á nosa flota e máis posibilidades de pesca aos nosos profesionais.

 Nesta liña de feito, lembran que a conselleira do Medio Rural e do Mar vén de defender, na última xuntanza do Consello Consultivo de Pesca celebrado no mes de xuño, e no que participaron o Ministerio de Agricultura e as comunidades autónomas, un novo aumento das posibilidades pesqueiras para a nosa flota en 2016.