Aproveitamento madereiro

O voceiro de Montes, Jose Manuel Balseiro, lembra que cada ano a Xunta tramita entorno a 117.000 permisos de corta, sometidos a un réxime burocrático complexo, en función dos moitos intereses que se deben protexer no ámbito forestal

O GRUPO POPULAR DEMANDA Á XUNTA QUE AXILICE E SIMPLIFIQUE OS PERMISOS PARA A CORTA DE MADEIRA

José Manuel Balseiro

  • Asegura que esta iniciativa, que será tramitada no Parlamento galego, responde a unha demanda recorrente do sector e dos propietarios forestais e contribuirá de xeito decidido a “un mellor e a un maior” aproveitamento económico dos nosos montes


Lugo, 15 de xullo de 2015.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, presentou esta mañá en rolda de prensa unha iniciativa parlamentaria na que os populares demandan á Xunta que estude o xeito de simplificar e axilizar o sistema actual de autorizacións e permisos para a corta de madeira nos montes galegos.

O Grupo Popular pedirá no Parlamento de Galicia que o Goberno autonómico leve a cabo cantas medidas se establezan nese estudo para afondar na coordinación entre os distintos departamentos da administración, xa sexa autonómica ou estatal, con competencias no ámbito forestal.

DEMANDA DOS PROPIETARIOS FORESTAIS

Para os populares axilizar todo este proceso sería unha medida moi positiva para favorecer “un mellor e un maior” aproveitamento madeireiro dos montes galegos, pero tamén serve para facerse eco dunha demanda recorrente dos propietarios forestais e das propias empresas do sector que, dun xeito construtivo veñen realizando esta demanda.

TRÁMITE BUROCRÁTICO COMPLEXO

Balseiro lembra que ata o de agora é preciso superar un proceso burocrático en moitos casos farragoso que responde “á natureza territorial complexa do monte galego”. Na superficie forestal se solapan competencias de moi diversas administracións, intereses distintos en función do aproveitamento que se trate ou, incluso, a necesidade de protexer recursos ambientais, hidrolóxicos ou culturais.

“A xestión forestal convive cos máis diversos aproveitamentos agro-gandeiros, mineiros, enerxéticos. Hai tamén intereses económicos, ambientais e culturais relevantes. Os montes desempeñan un papel esencial na protección dos sistemas hidrolóxicos: ríos, regatos, acuíferos, e acollen numerosas e senlleiras mostras do noso patrimonio arqueolóxico ou cultural. Todo isto se materializa na necesidade de solicitar múltiples permisos e autorizacións”-explica Balseiro

O Grupo Popular de Galicia considera unha necesidade analizar como simplificar todo este “entramado burocrático complexo” que é o principal obxectivo da iniciativa, que busca fórmulas, mecanismos legais, xurídicos, burocráticos para que, coas máximas garantías económicas, administrativas, de respecto ambiental, dea como resultado a axilización práctica os trámites de corta.

PRIMEIRA POTENCIA FORESTAL EUROPEA

Afondando na importancia desta iniciativa, Balseiro lembrou que Galicia é a primeira potencia forestal de España. De feito, calcúlase que nos preto de tres millóns de habitantes de Galicia, hai 672.000 propietarios forestais, que promoven, cada ano, entorno a 117.000 expedientes de cortas en montes particulares

Ademais as estatísticas demostran que unha de cada dez familias recibiron ingresos procedentes de corta no monte cifras que dan imaxe da capacidade de xeración económica, e do sustento social do sector forestal en Galicia.
“As cortas dos propietarios particulares sen ser, polo xeral, a súa actividade económica principal, si xogan un papel básico de aforro das economías familiares de moitas áreas de Galicia”- lembra Balseiro

O POTENCIAL FORESTAL LUCENSE

Dentro da nosa comunidade Lugo é a provincia con maior superficie forestal arborada, con 488.681 hectáreas, o 34,31% do total. Razón polo que o Grupo Popular escolleu esta provincia para presentar unha iniciativa de ámbito autonómico.

En Lugo moi en particular, nos últimos anos as cortas de madeira de eucalipto situáronse establemente por riba do 50% do total de aproveitamentos de uso industrial.