Certificación forestal

O voceiro de Montes, Jose Manuel Balseiro, lembra que Galicia foi pioneira na implantación de sistemas de certificación forestal como o selo de calidade FSC

 O GRUPO POPULAR PIDE A XUNTA QUE IMPULSE A CERTIFICACIÓN FORESTAL COMO MEDIDA “DE GRAN UTILIDADE” PARA ACADAR MÁIS VALOR NO PREZO DA MADEIRA

 Diapostiva madeira

  • Rexistra unha iniciativa no Parlamento de Galicia reclamando axudas e novas liñas de apoio ás iniciativas de certificación dos montes, xa sexan estes de titularidade particular ou pública
  • A madeira certificada e todos os seus derivados poden chegar a vendarse cun prezo ata un 20% superior aos que rexistran aqueles produtos que non teñen este certificado

 

 Santiago, 3 de setembro de 2015.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, deu conta hoxe da presentación dunha proposición non de lei rexistrada no Parlamento galego coa que os populares piden á Xunta de Galicia que impulse a certificación forestal “como medida positiva e de gran utilidade” para acadar un incremento no prezo de venda da madeira.

A proposición popular reclama do Goberno galego un apoio explícito a todas as iniciativas de certificación forestal ás que poidan acollerse os propietarios dos nosos montes e formula distintos instrumentos para conseguilo.

“Xa ben sexa a través do asesoramento directo aos propietarios (especialmente aos máis pequenos) ou mediante a concesión de distintas axudas, estaríamos apostando por unha fórmula que permitiría gañar valor á nosa madeira e contribuíndo a un modelo forestal máis sostible”- explicou Balseiro.

Ao mesmo tempo a iniciativa reclama impulsar a obtención de certificacións forestais -acreditadas internacionalmente- para os montes de titularidade pública dependentes das administracións locais, mediante a posta en marcha de liñas específicas de axuda e tamén, para os montes de titularidade pública autonómica, neste caso, de oficio pola propia Xunta.

MÚLTIPLES VANTAXES

Para os populares o feito de dispoñer duns montes certificados é, sen ningún tipo de dúbida, un importante paso cara adiante. Máis en concreto, constitúe toda unha ferramenta de futuro capaz de aumentar a competitividade da madeira nos mercados internacionais e pode servir de pulo para superar a crise da que non é allea este sector.

Balseiro aclara que os selos que certifican a calidade “non só identifican á madeira senón tamén a todos os seus derivados”, isto é, a produtos tales como pasta, papel, mobles, embalaxes, e permite que estes poidan chegar a vendarse cun prezo ata un 20% superior aos que rexistran aqueles produtos que non teñen este certificado.

Desde o Partido Popular están dispostos a impulsar este tipo de mecanismos para que a certificación forestal chegue a todos os ámbitos, unha tarefa especialmente complexa tendo en conta as características do monte galego: con multitude de pequenos propietarios. Segundo os datos oficiais uns 670.000 galegos teñen parcelas forestais e o 97% da superficie arborada nesta comunidade é propiedade privada.

PIONEIROS EN CERTIFICACIÓN

 Con todo Balseiro lembra que Galicia foi pioneira, entre as comunidades autónomas de España, na implantación de sistemas de certificación forestal tales como o selo FSC (siglas en inglés do Consello de Administración Forestal).

O certificado FSC é o resultado dun proceso de avaliación ao que se somete de forma voluntaria un monte, realizado por unha terceira parte independente (entidade certificadora), que garante as boas prácticas na xestión e recoñece e outorga relevancia no mercado

En termos relativos, Galicia é líder en España neste ámbito, pero aínda así só representa un 8% do seu chan forestal total, fronte aos datos que se rexistran noutros países cos que competimos no mercado internacional, como é o caso de Finlandia, que xa dispón dun 70% de árbores certificadas.