Vantaxes da certificación forestal

Jose Manuel Balseiro impulsa unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia reclamando axudas ás iniciativas de certificación dos montes, xa sexan estes de titularidade particular ou pública

OS PROPIETARIOS FORESTAIS LUCENSES PODERÍAN OBTER ATA UN 20 POR CENTO MÁIS NO PREZO DA MADEIRA GRAZAS Á CERTIFICACIÓN

Montes

  • Moitos dos 102.800 titulares de montes da provincia que xa venden produtos acollidos a algún selo de calidade tamén se verían beneficiados das novas liñas de apoio á certificación que demanda o Grupo Popular

Lugo, 7 de setembro de 2015.- Os aproximadamente 102.820 propietarios forestais lucenses poderían obter ata un 20 por cento máis no prezo da madeira da acollerse ás iniciativas de certificación dos montes que existen na actualidade.

Conscientes desta realidade desde o Grupo Parlamentario Popular o seu voceiro na área forestal, Jose Manuel Balseiro, vén de presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia reclamando axudas ás iniciativas de certificación dos montes, xa sexan estes de titularidade pública ou particular.

SELOS PEFC E FSC

A provincia de Lugo non é allea a este tipo de certificados e selos de calidade na madeira –aos que tamén poden acollerse os seus produtos derivados (mobles, pastas de papel, taboleiros)- e de feito esta provincia acolle iniciativas pioneiras cos principais selos certificadores como son o PEFC (Programa de recoñecemento de Sistemas de Certificación Forestal) ou FSC (siglas en inglés do Consello de Administración Forestal)

Tanto nos novos propietarios forestais que queiran acollerse a iniciativas de certificación, como aqueles que xa viñan facendo uso das mesmas, serán os grandes beneficiarios das novas liñas de apoio á certificación que demanda o Grupo Popular

VANTAXES

Os populares están convencidos de que a certificación forestal serviría para mellorar o a competitividade do sector forestal lucense e o acceso aos mercados internacionais da nosa madeira, ademais de minimizar os danos da actual crise económica neste sector, xa que por cada aproveitamento podería obterse un maior valor, un maior prezo.

Aínda que na primeira fase os máis beneficiados serían os propietarios forestais, os beneficios da certificación dos montes tamén repercutirían en empresas como aserradoiros, industrias gráficas ou almacenistas, entre outras, que participan na cadea de custodia que verifican que os produtos forestais usados pola industria de transformación proceden de bosques xestionados con respecto ao medio ambiente.