Axenda

Balseiro explica que esta petición está fundamentada na mellora da situación dos caladoiros que constatan tanto os informes científicos como os profesionais do mar na súa actividade diaria

 

O PARLAMENTO DEBATERÁ A INICIATIVA POPULAR QUE DEMANDA UN AUMENTO DAS COTAS DE PESCA PARA O ANO PRÓXIMO

 la foto

  • A iniciativa busca o respaldo da Cámara para fortalecer a demanda da Xunta e dos profesionais da pesca galega ante as institucións comunitarias que en decembro decidirán os Totais Admisibles de Capturas e cotas a aplicar en 2016

Santiago, 8 de setembro de 2015.- A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que terá lugar este mércores, 9 de setembro, debaterá a iniciativa impulsada polo voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, demandando un aumento das cotas de pesca para o ano próximo.

Os populares buscan, a través desta iniciativa, o respaldo da Cámara galega e dos grupos políticos que forman parte dela en apoio da demanda defendida pola Xunta ante as autoridades ministeriais e europeas para acadar un incremento das posibilidades de pesca das que se beneficiará a flota e os profesionais da pesca galega.

Balseiro sinala que esta petición “non se fai á lixeira” senon fundamentada na mellora da situación dos caladoiros e dos principais stock pesqueiros das especies comercialmente máis relevantes, unha mellora que constatan tanto os informes científicos das máis prestixiosas entidades de estudo, como os propios profesionais do mar no transcurso da súa actividade diaria.

EUROPA DECIDADE

A determinación dos chamados TAC e COTAS (totais admisibles de capturas) é resultado dunha complexa negociación entre os distintos estados e a Comisión Europea e que remata, no mes de decembro, coa celebración dun Consello de Ministros de Pesca. Con anterioridade a este proceso son consultados o Parlamento, os distintos consellos internacionais e os principais organismos científicos nesta materia.

 RESPALDO ÁS INICIATIVAS DA XUNTA

O acordo parlamentario quere fortalecer a demanda da Xunta e dos profesionais da pesca galega de tal xeito que o Goberno galego acuda a futuras mesas de negociación co respaldo expreso do Parlamento, por entender que a defensa dun aumento da cota é un obxectivo preferente nun ámbito como o pesqueiro que ten un carácter estratéxico para a economía de Galicia.

Nesta liña de feito, lembran que tanto a conselleira do Medio Rural e do Mar como o propio Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, veñen de defender un novo aumento das posibilidades pesqueiras para a nosa flota en 2016.

Nos últimos anos xa se teñen acadados incrementos globais nas posibilidades de pesca, que viron reducida a súa eficacia nalgúns sectores –é o caso do cerco- como consecuencia das multas por sobrepesca nas que incorreu á flota durante anos como o 2009 (co PSOE no Goberno) nos que fallaron os mecanismos de control.