Comisión de Pesca 09 09 b

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, sostén que o criterio de reparto por tripulante que defende o PSOE podería ser prexudicial para a flota galega

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE O PROBLEMA DO CERCO NON É FALTA DE COTA SENÓN QUE ESTA VESE REDUCIDA POLAS SANCIÓNS POR SOBREPESCA

Pesca

  • Desde 2009 as cotas das principais especies obxectivo do cerco (xurelo, xarda e bocarte) aumentaron un 52% pero víronse moi notablemente recortadas polas sancións impostas cando co PSOE no goberno non existía nin xestión, nin control, dando lugar a sancións por sobrepasamento que seguimos pagando

Santiago, 09 de setembro de 2015.- O Grupo Parlamentario Popular rexeitou na mañá de hoxe unha iniciativa promovida polo PSOE na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, para impoñer un cambio no modelo de repartición das posibilidades de pesca das especies peláxicas. Os populares sosteñen que impoñer un sistema baseado exclusivamente no reparto por tripulante, tal e como defende o PSOE, podería ser prexudicial para a flota galega.

SANCIÓNS POR SOBREPESCA

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, sinalou que o gran problema para a flota do cerco non é derivado da falta de cota, senón que esta se ve reducida moi notablemente como consecuencia das sancións por sobrepesca.

De feito Balseiro lembrou que desde 2009 as cotas das principais especies obxectivo do cerco (xurelo, xarda e bocarte) aumentaron un 52% -un 4,4% se falamos do último ano- pero víronse moi notablemente recortadas polas sancións impostas cando co PSOE no goberno non existía nin xestión, nin control, dando lugar a sancións por sobrepasamento que seguimos pagando hoxe e que recortan cota.

SOLUCIÓNS

Balseiro explicou que o Partido Popular, desde as administracións que ten responsabilidade de goberno está intentando ofrecer solucións a este problema mediante a adopción dun plan de xestión que permita traballar á flota e impida novos sobrepasamentos.

Os populares tamén conseguiron a flexibilización das sancións (en tempo e cantidade) e estudan, no marco da Comisión sectorial do cerco do Consello Galega de Pesca, melloras no sistema de comercialización –e de feito teñen acadado un acordo co sector- para dar máis valor a cada captura.

Ademais desde o Grupo Popular defenden que calquera modelo de xestión é mellor que a “pesca olímpica” que se aplicaba antes.