Ría de Arousa

Balseiro repasou as iniciativas impulsadas polo actual Goberno galego agrupadas en dous ámbitos moi concretos: a rexeneración produtiva e a mellora da calidade das augas

O GRUPO POPULAR ASEGURA QUE XUNTA E CONFRARÍAS VAN DA MAN NA PROCURA DUNHA SOLUCIÓN QUE PERMITA REACTIVAR A CAPACIDADE MARISQUEIRA DA RÍA DE AROUSA

marisqueo-ribadeo4

• A Xunta leva mobilizados dende 2009 máis de 57 millóns de euros no saneamento da ría

• O Goberno todos os anos concede axudas directas para que cada confraría mellore os seus bancos marisqueiros

Santiago, 15 de setembro de 2015.- O Grupo Parlamentario Popular defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia e as confrarías da ría de Arousa van da man na procura dunha solución que permita reactivar a capacidade marisqueira deste importantísimo espazo produtivo

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, repasou as distintas iniciativas impulsadas polo actual Goberno galego con este obxectivo, agrupadas en dous ámbitos moi concretos: a rexeneración produtiva e a mellora da calidade das augas.

SANEAMENTO

Balseiro explicou que a Xunta leva mobilizados dende 2009 máis de 57 millóns de euros no saneamento da ría de Arousa, co impulso á construción de novas depuradoras e a eliminación de distintos puntos de vertido. Dixo tamén que esta en marcha un plan de saneamento local en ambas marxes da ría, que analiza a situación concello por concello e ofrece solucións específicas para cada caso.

No ámbito produtivo, Balseiro defendeu as iniciativas impulsadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, que todos os anos concede axudas directas para que cada confraría mellore os seus bancos marisqueiros. So en 2015 a convocatoria destas axudas dispuxo dun orzamento que supera os 1,3 millóns de euros.

REXENERACIÓN MARISQUEIRA

Grazas a estes apoios e, moi en particular nos últimos meses, as confrarías puideron intensificar estas labores de rexeneración marisqueira. De feito, as subvencións concedidas permiten labores como arar o leito mariño e mellorar o substrato. Actuacións desta envergadura executáronse en Ribeira, nos bancos do Boído e de Cabío. Tamén se procedeu á retirada de depredadores do marisco en O Grove.

O Grupo Popular dixo tamén que ría de Arousa dispón de ata once estacións fixas a través da que o Intecmar desenvolve o control técnico-sanitario dunha ría onde tamén melloraron as condicións de contaminación microbiolóxica ata o punto de que as dúas zonas –das 10 existentes- que estaban pechadas ao marisqueo cando o PP accedeu ao goberno, conseguiuse que a partir de 2013 todo o esteiro de Vilanova dera valores “B” e a mellora permitiu subdividir a zona do Saco de Fefiñáns, e por iso hoxe o banco dos Tubos, mellorou a súa categoría.

TRABALLAR XUNTOS

Balseiro dixo que quedan tarefas pendentes e insistiu na obriga de mellorar esta situación, en especial para paliar a morte do berberecho. “Esta problemática merece toda a nosa atención e multiplicar esforzos”, dixo Balseiro, pero insistiu en que “non hai que equivocarse de inimigo, senón traballar xuntos”.

Por outra banda, quixo deixar claro que os populares “escoitan e entenden a preocupación dos mariscadores reunidos nas asembleas: pero non para aproveitarnos politicamente das súas circunstancias, como fai a oposición, senón para intensificar os esforzos e, entre todos e achegar solucións”. “Todos queremos manter nas rías e nos areais de Galicia a nosa riqueza”, concluíu Balseiro.