Comisión de Pesca 22/09

O Goberno galego xa trasladou a súa disposición para proporcionar o material informático necesario para a expedición dos documentos de transporte e trazabilidade nos novos emprazamentos que se soliciten

O PPDEG APUNTA QUE SÓ FALTA A SOLICITUDE FORMAL DA CONFRARÍA DE FERROL PARA CREAR NOVOS PUNTOS DE CONTROL EN ÁREAS PRÓXIMAS ÁS ZONAS DE EXTRACIÓN DE PERCEBE

Percebe

  • O trámite implica a modificación do plan de xestión a solicitude do pósito, que na actualidade só contempla os puntos de control emprazados na propia lonxa, a punta Penencia, Lobadiz, a Cova (Cabo Prior) e a praia dos Botes (Meirás)

Santiago, 22 de setembro de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, confirmou esta tarde no Parlamento que tan só falta a solicitude formal da confraría de pescadores de Ferrol para que se autorice a creación de novos puntos de control en áreas próximas ás zonas de extracción, tal e como reclaman os percebeiros da zona.

Balseiro explicou que o Goberno galego xa trasladou, en conversas entre os profesionais interesados nesta modificación e o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, a súa total disposición para acceder a esta petición e, incluso, a vontade de proporcionar á confraría o material informático necesario para a expedición dos documentos de transporte e trazabilidade nos novos emprazamentos que se determinen.

DECISIÓN TOMADA

O portavoz popular aclarou que a decisión xa está tomada á espera de que a confraría cumpra este requisito formal, pois para autorizar novos puntos de control e expedición desta documentación que resulta indispensable para o transporte e trazabilidade do percebe é necesario modificar o plan de explotación vixente.

Este plan de explotación tan só contempla para o ano 2015, do mesmo xeito que vén facendo desde o 2012, os puntos de control emprazados na propia lonxa, na punta Penencia, en Lobadiz, a Cova (Cabo Prior) e na praia dos Botes (Meirás), que poderían modificarse sen ningún problema por parte da administración autonómica unha vez efectuada a solicitude formal.

MÁXIMA DISPOSICIÓN DA XUNTA

O Grupo Popular aplaude esta medida por canto suporá evitar longos desprazamentos desde o punto de extracción ata as lonxas, polo que destacan a importancia de que estean nos lugares máis próximos á zona de actividade dos percebeiros evitando molestias

Feita esta aclaración, os deputados populares rexeitaron a iniciativa do PSOE que demanda a habilitación destes puntos, por entender que chega tarde, xa que, a falta da solicitude formal da confraría, é unha petición que está a piques de cumprirse, algo que esperan poida facerse en breve, tendo en conta o interese manifestado polos percebeiros.