Anchoa / Bocarte

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, lembra que a Xunta defende este compromiso do Goberno central co sector do cerco para dispor de posibilidades de pesca cando a anchoa se achegue a augas galegas

O PLENO DO PARLAMENTO DEBATERÁ A INICIATIVA DO PPDEG PARA HABILITAR COTA SUFICIENTE E QUE A FLOTA GALEGA POIDA PESCAR ANCHOA EN AUGAS AO SUR DE FISTERRA

Anchoa Bocarte

  • Esta petición conta co aval da Comisión do Cerco do Consello Galego de Pesca e trasladouse pola Xunta ao Ministerio

Santiago, 23 de setembro de 2015.- O Pleno do Parlamento de Galicia previsto para a semana próxima incluirá o debate dunha proposición non de lei do Grupo Popular na que se reclama que se habilite cota suficiente para que a flota galega poda pescar bocarte nas augas da zona que vai de Fisterra cara ao sur da costa atlántica española (zona IXa).

A iniciativa lembra que este era un compromiso adquirido polo Goberno central, a través da Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio, co sector do cerco no caso de que, tal e como ten acontecido, se detectase a presenza de bocarte nestas augas.

ATA O 31 DE OUTUBRO

En concreto, formulouse a posibilidade de que, no reparto da cota correspondente a España no TAC de anchoa, se asigne unha reserva anual dun 10 por cento nesta zona para a súa pesca polos buques de cerco con porto base en Galicia. Esta posibilidade sería ata o 31 de outubro de cada ano, supeditada á presenza desta especie.

Balseiro explica que esta petición conta co aval da Comisión do Cerco do Consello Galego de Pesca e foi trasladada pola Xunta ao Goberno central para a súa análise, reiterándoa en diferentes foros nos que participou a Consellería do Medio Rural e do Mar.

REFORZO POLÍTICO Á DEMANDA DO SECTOR

Balseiro apunta que “o bocarte é un produto que, polas súas características migratorias, non sempre chega ás nosas augas pero que este ano está presente en abundancia nas nosas costas”. O compromiso do Ministerio era o de atender as necesidades de cota da flota galega si se daba esta circunstancia, e iso é o que reclama a proposición non de lei que o Grupo Popular defenderá no vindeiro Pleno.

“Desde o Grupo Popular cremos que cómpre reforzar esta reivindicación mediante un acordo parlamentario, de xeito que as distintas forzas políticas presentes no Parlamento respaldemos co noso voto as demandas do sector do cerco diante das negociacións que agora se abren coa Administración central e co resto das comunidades autónomas, dun xeito especial con Andalucía, cuxa postura intransixente bloquea o cumprimento deste acordo”, sinala o portavoz do Mar.