Comisión de Montes 25/09

Balseiro lamentou que a oposición non teña interese real por manter un debate serio sobre este asunto e mostra diso é a iniciativa defendida polo Grupo Mixto “chea de xeneralidades”

O GRUPO POPULAR DEFENDE QUE GALICIA CONTA CO DISPOSITIVO DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS “MÁIS POTENTE DE ESPAÑA”

Comision 8 23-12-2014 (2)

  • Son profesionais que traballan baixo o mando único da Xunta e desenvolven múltiples iniciativas dentro dunha ampla estratexia de prevención dos lumes e explotación racional do monte

Santiago, 25 de setembro de 2015.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe que Galicia conta co dispositivo de prevención e loita contra incendios forestais “máis potente de toda España”. Explicou tamén que, en conxunto, pode chegar a acadar as 7.000 persoas “velando polos montes galegos, un dispositivo idéntico en persoal que o ano anterior”.

José Manuel Balseiro lamentou que os partidos da oposición non teñan interese real por manter un debate serio sobre os incendios forestais e “mostra diso témola na iniciativa defendida hoxe polo Grupo Mixto na Comisión de Agricultura e Montes do Parlamento de Galicia, rexeitada polo PP por estar chea de xeneralidades como, por exemplo, reclamar un cambio da política forestal sen explicar que é exactamente o que quere modificar”.

PREVENCIÓN E EXPLOTACIÓN RACIONAL DO MONTE

Balseiro quixo deixar claro que “a Xunta está fortemente comprometida e por iso executa unha estratexia global que inclúe múltiples medidas dirixas á prevención dos lumes e á explotación racional do monte” e dixo tamén que só así foi posible conseguir os resultados actuais. “Hai dez anos estábamos entre 10.000 e 12.000 incendios ao ano, e neste momento movémonos nun teito de 4.000”, concretou.

Entre outras iniciativas no ámbito da prevención, Balseiro nomeou as axudas ás comunidades de montes para investimentos en limpeza e puntos de auga, “que viron triplicado o seu orzamento”; as axudas aos concellos para efectuar rozas e limpezas en superficies forestais; ou as tarefas desenvolvidas con este mesmo obxectivo polas brigadas municipais contra incendios.

MANDO ÚNICO E MELLORA DAS CONDICIÓNS LABORAIS

O deputado popular tamén negou que o dispositivo contra incendios forestais estea fragmentado, posto que se xestiona baixo o principio do mando único, é dicir, “a administración, coordinación, dirección e control dos distintos recursos que participan na extinción dun incendio forestal segue unha liña xerárquica única formada por funcionarios públicos e descrita no Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios de Galicia (PLADIGA)”.

Finalmente, Balseiro aclarou que o Goberno galego xa traballa en foros como o Comité de Seguridade e Saúde, na mellora das condicións laborais e de seguridade e saúde do persoal adscrito a prevención e defensa contra os incendios forestais. “Este mesmo ano celebráronse varias reunións para tratar os asuntos que foron propostos pola representación sindical”, sinalou.