Ábrese o concurso público para a obra de ampliación do Hospital da Costa

O Diario Oficial de Galicia fai pública a licitación das obras de ampliación e mellora do Hospital da Costa, en Burela, que suporán un investimento de 12,8 millóns de euros

Futuro hospital

  • Ábrese o concurso público para a redacción do proxecto e a execución das obras
  • A ampliación nun 30% da superficie actual realizarase compatibilizando o funcionamento de todas as áreas actuais e garantindo a integración estética co edificio existente
  • O novo pavillón, con forma de L, terá catro andares na parte máis longa e dous andares na máis curta
  • Na área de consultas externas construirase un novo espazo ambulatorio, habilitaranse novos gabinetes de explotación e unha nova sala de cirurxía menor, ademais de crear un novo hospital de día médico para complementar o cirúrxico e o de diálise
  • O prazo para presentar as ofertas remata o 19 de novembro

Santiago, 30 de setembro de 2015.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se licitan as obras da primeira fase de ampliación e mellora do Hospital da Costa de Burela, cun orzamento de 12,8 millóns de euros. Ábrese así o concurso público para a redacción do proxecto e a execución das obras, logo da aprobación desta iniciativa polo Consello da Xunta da pasada semana e en cumprimento do compromiso adquirido de iniciar o procedemento este mesmo ano.

Tal e como se recolle no prego, a Axencia Galega de Infraestruturas establece un prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e de 28 meses para a execución das obras. As empresas interesadas en presentar a súa oferta a este contrato de obra pública dispoñen de prazo ata o vindeiro 19 de novembro.

Futuro hospital2

A ampliación e reforma que se levará a cabo no complexo hospitalario de referencia na Mariña lucense permitirá a reorganización dos espazos do centro e da zona ambulatoria, que non está adaptada na actualidade ás necesidades dos pacientes e dos profesionais.

As obras, que serán executadas pola Axencia Galega de Infraestruturas, supoñen o desenvolvemento do plan director elaborado polo Servizo Galego de Saúde para este centro hospitalario, que ten unha antigüidade superior aos 30 anos.

Os traballos de ampliación e mellora do hospital suporán un incremento do 30% da superficie actual do centro e levaranse a cabo de forma compatible co funcionamento de todas as áreas actuais, así como garantindo a integración estética da nova construción co edificio xa existente.

A actuación suporá melloras substanciais na atención sanitaria nesta zona. Así, na área de hospitalización practicamente se duplicará o espazo, dos case 2.800 m² actuais a máis de 4.500, o que mellorará a confortabilidade dos pacientes e mellorará circulacións e o traballo dos profesionais.

Na área de consultas externas construirase unha nova zona ambulatoria que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro; na área ambulatoria estableceranse novos gabinetes de exploración e unha nova sala de cirurxía menor e crearase un hospital de día médico para complementar o cirúrxico e o de diálise.Futuro hospital5

A ampliación permitirá contar con 6.000 m² máis de superficie construída sobre os 17.600 m² existentes, para o que se construirá un novo pavillón en forma de “L” con catro plantas na parte máis longa e dúas na parte máis curta.