NAFO

O Grupo Popular transacciona un acordo co BNG no Parlamento de Galicia, apoiado por unanimidade por todas as forzas políticas, dirixido a blindar a continuidade desta flota

O GRUPO POPULAR RECLAMA QUE SE PRESERVE E PROTEXA A ZONA ONDE PESCA A FLOTA GALEGA NOS CALADOIROS DA NAFO

Nafo

  • Os populares din que non se impida, en ningún caso, a actividade pesqueira nestas augas como consecuencia das prospeccións petrolíferas que autorizou Canadá
  • Balseiro lembra que Xunta, Goberno central e Unión Europea realizaron unha reclamación formal neste sentido na última reunión anual da NAFO

Santiago, 07 de outubro de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, reclamou esta mañá no Parlamento de Galicia que se “preserve e protexa a zona de pesca da flota galega nos caladoiros da NAFO” -no Atlántico Norte- que está a verse afectada polas prospeccións petrolíferas autorizadas por Canadá.

Os populares esixen que se garanta e non se impida, en ningún caso, a actividade pesqueira que a nosa flota desenvolve nesas augas, a diferenza do que ten acontecido ata o de agora, cando embarcacións pesqueiras galegas tiveron que abandonar a zona pola realización das sondaxes en busca de hidrocarburos.

RECLAMACIÓN ANTE A NAFO

Balseiro di que esta é unha situación “que lles preocupa” e por iso explica que xa hai “accións políticas en marcha”. De feito, lembra que xa se ten realizado unha “reclamación oficial e formal” neste mesmo sentido, tanto por parte da Unión Europea e do Ministerio, como tamén pola propia Xunta, a través dos seus representantes presentes na última reunión anual da NAFO, que tivo lugar a semana pasada en Halifax (Nova Escocia, Canada)

Os populares solicitan, no seu caso, que se adopten as medidas oportunas para compatibilizar os distintos usos que se poidan dar neses caladoiros do Atlántico Norte. Din que a actividade pesqueira e as prospeccións “poden coexistir, sen necesidade de obstaculizar a pesca” nun espazo onde a nosa flota captura especies de gran valor comercial como o fletán negro, o bacallaou, a gallineta ou as raias.

“Non podemos pedir a Canadá que deixe de decidir sobre as augas que forman parte da súa zona económica exclusiva. Pero no Gran Sol, na zona norte de Escocia, palangreiros galegos faenan nas inmediacións de plataformas petrolíferas, facendo compatible ambas actividades, e sen obstaculizarse”-lembra Balseiro

ACORDO PARLAMENTARIO

As forzas políticas galegas coinciden na necesidade de garantir a actividade da nosa flota nas augas da NAFO e por iso o Grupo Popular transaccionou un acordo co BNG, que contou co apoio unánime de todas as forzas políticas, dirixido precisamnte a este obxectivo.

O acordo consensuado por populares e nacionalistas establece, en concreto: “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a impulsar accións políticas para reclamar que se preserven os fondos onde se pesca fletán, baixo a figura de protección que se estime acaída, impedindo outras actividades que ameazan os recursos”