Ordenación forestal sostible

Balseiro insta á Xunta a discriminar positivamente nas convocatorias de subvencións aqueles montes que conten cun instrumento de ordenación ou xestión forestal sustentable

O GRUPO POPULAR PIDE QUE RECIBAN MÁIS AXUDAS PÚBLICAS OS MONTES ORDENADOS

 Montes

  • En Galicia, a primeira potencia forestal en España, só o 10% da superficie do monte está ordenado e só o 8% presenta certificados de xestión forestal sustentable

Santiago, 8 de outubro de 2015.- O portavoz da área forestal do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro, defende que reciban máis axudas da Xunta aqueles titulares de montes que dispoñan dun instrumento de ordenación ou xestión forestal sustentable, isto é, os montes ordenados.

José Manuel Balseiro defenderá unha proposición non de lei na Comisión de Agricultura e Montes que terá lugar mañá no Parlamento de Galicia, na que insta ao Goberno galego a introducir nas convocatorias de subvencións relacionadas co ámbito forestal as ferramentas necesarias de discriminación positiva en beneficio daqueles montes que conten con estes instrumentos de ordenación.

INCENTIVO PARA ORDENAR O MONTE

Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal sostible son un documento técnico que recolle un estudo dun monte e unha proposta de xestión que debe garantir a preservación e mellora das súas masas forestais e ordena as prácticas de selvicultura a realizar neses espazos.

A discriminación positiva nas axudas públicas suporá un incentivo á hora de ordenar un monte, á vez que permitirá obter múltiples vantaxes: un monte ordenado é un espazo que recibe maior valor dos aproveitamentos de madeira e no que se garante o mantemento da súa biodiversidade e da súa produtividade. “É a mellor garantía para a conservación e renovación dos bosques”, explica Balseiro

PLANIFICACIÓN FORESTAL SOSTIBLE

Na actualidade, en Galicia, a primeira potencia forestal en España, só o 10 por cento da superficie do monte está ordenado e só o 8 por cento presenta certificados de xestión forestal sustentable.

Na estratexia forestal da Xunta, a planificación sostible foi sempre un elemento central da súa acción política. Así, desde o Goberno galego veñen impulsando distintas iniciativas normativas para conseguir precisamente este obxectivo: a propia Lei de montes, os decretos que a desenvolven e as instrucións forestais ou o catálogo de boas prácticas na xestión dos montes galegos, entre outras.

Balseiro explica tamén que esta iniciativa nace coa mirada posta no ano 2019, data límite a partir da cal non se permitirán aproveitamentos (incluídas cortas de madeira para uso comercial) a aqueles propietarios que posúan estes instrumentos de ordenación ou xestión forestal, por iso, “é preciso establecer mecanismos que premien a aqueles que se están dotando ou xa se dotaron destas ferramentas”.