Camiño de Santiago

Os deputados Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra poñen en valor estes apoios que supoñen unha oportunidade de beneficio directo para os 23 concellos lucenses

O GRUPO POPULAR SALIENTA QUE OS VECIÑOS DAS PARROQUIAS POLAS QUE DISCORREN OS CAMIÑOS DE SANTIAGO PODERÁN REHABILITAR AS SÚAS VIVENDAS CON AXUDAS DE ATA 11.000 EUROS

 Camiño de Santiago na provincia de Lugo

  • A provincia de Lugo benefíciase dos máis de tres millóns de euros que a Xunta e o Ministerio de Fomento destinarán á rehabilitación integral destes espazos

 Ribadeo, 29 de outubro de 2015.- Os deputados do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, salientaron esta mañá en rolda de prensa que un plan conxunto impulsado polo Goberno galego (a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo) e o Ministerio de Fomento, permitirá investir tres millóns de euros para a rehabilitación integral dos ámbitos polos que discorren os Camiños de Santiago.

Esta colaboración permitirá habilitar unha liña de axudas directas para os propietarios de ata 11.000 euros a fondo perdido por vivenda. Ademais, como novidade, non só beneficiarán a aquelas edificiacións situadas na zona inmediata e contigua ao camiño, senón ao conxunto da parroquia, polo que todos os veciños da mesma poden solicitar estes apoios, a través do procedemento que determine o IGVS.

Os requisitos para acceder a estas axudas serán os mesmos que operan para as áreas de rehabilitación integral (ARIs) e inclúen actuacións de mellora en infraestruturas e urbanización, ademais das propias rehabilitacións edificatorias. En breve está previsto que o propio IGVS publique a convocatoria desta liña de axudas a través da publicación da resolución correspondente no Diario Oficial de Galicia (DOG)

PROVINCIA DE LUGO: TRES RUTAS OFICIAIS

No caso da provincia de Lugo, tres son os camiños oficiais que a percorren:

  • O Camiño Norte: que inclúe parroquia dos concellos de Ribadeo, Trabada, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, e Friol;
  • O Camiño Primitivo: que empeza na Fonsagrada, e continúa por Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín e Palas de Rei;
  • E, finalmente, o Camiño Francés: que se inicia en Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei.

Precisamente os deputados populares quixeron dar conta destes apoios en Ribadeo, porta de entrada dun destes percorridos oficiais, o Norte, un dos espazos que maior afluencia de turistas e peregrinos está acadando nas últimas datas.

PLAN DIRECTOR

Para rematar, puxeron en valor este investimento porque, ao seu xuízo, supón unha oportunidade de beneficio directo para os veciños das áreas polas que discorre o Camiño, á vez que se enmarca na aposta pola mellora destes trazados que o Goberno galego impulsa en todas as rutas, a través do Plan director, e que se materializa en aspectos tan variados como os ambientais, sinalización e servizos turísticos entre outros cometidos.