Comisión de Pesca 3/11

Lembra que o daquela secretario xeral de Pesca, Juan Maneiro, participou na xornada inaugural e na de conclusións deste foro organizado pola Federación de Confrarías de Lugo

BALSEIRO: “A XUNTA ASUMIU COMO PROPIAS AS CONCLUSIÓNS DA XORNADA TÉCNICA SOBRE A PESCA ARTESANAL CELEBRADA EN BURELA”

Sala de Comisións do Parlamento de Galicia

  • Sinala a boa nova que para este o sector supón que as contas do ano 2016 inclúan un plan de apoio específico para a sostibilidade e futuro da flota artesanal
  • Balseiro lembra ao Grupo AGE que a nova lei estatal inclúe por primeira vez a todas as redeiras no réxime especial do Mar da Seguridade Social tras unha emenda transaccional entre PP e PNV no Senado

Santiago, 03 de novembro de 2015.- O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, asegurou esta mañá que a Xunta asumiu como propias as conclusións acadadas tras a celebración da primeira xornada técnica sobre a pesca artesanal que a Federación Provincial de Confrarías de Lugo celebrou o pasado mes de agosto en Burela.

Balseiro lembrou que Juan Maneiro, o daquela secretario xeral de Pesca e actual director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, participou activamente na xornada inaugural e na xornada de conclusións deste foro, onde ademais achegou relevantes datos sobre un sector que agrupa a 3.500 buques de pesca costeira artesanal e que supón un medio de vida, en Galicia, para 5.000 tripulantes.

O deputado popular felicitou aos organizadores deste evento que acadou gran éxito e que, tanto a xuízo do Grupo Popular como da Xunta, elaborou unha análise moi certeira da realidade deste sector profesional que aglutina o 22% do valor total dos desembarcos de peixe e marisco na nosa comunidade.

Balseiro indicou que moitas das conclusións deste encontro foron achegas da propia Xunta, como a necesidade de acadar unha definición unitaria sobre o que é a pesca artesanal, a modificación do modelo de TAC´s e cotas imposto pola Unión Europea ou a non aplicación para este sector dos dereitos de pesca transferibles (ITQ´s), entre outras.

UN PLAN ESPECÍFICO PARA SECTOR ARTESANAL

Balseiro defendeu a boa nova que para este sector supuxo a presentación dos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano próximo, que crecen un 50%, e onde a propia conselleira, Rosa Quintana, explicou que as contas contemplan un plan de apoio específico para a sostibilidade e futuro da flota artesanal, que incorpora importantes axudas directas a armadores e tripulantes.

O BNG CERTIFICADA O EVIDENTE

O debate sobre esta cuestión xurdiu como consecuencia dunha proposición non de lei do BNG na que se reclamaba precisamente que a Xunta tivera en conta estas conclusións do foro pesqueiro. Os populares decidiron apoiar esta iniciativa nacionalista aínda que supón certificar o evidente, dado que, insiste Balseiro, a propia Xunta xa asumiu como propias estas recomendacións.

REDEIRAS NO RÉXIME ESPECIAL DO MAR

Por outra banda, Balseiro lembrou ao Grupo AGE que a nova lei estatal inclúe por primeira vez a todas as redeiras dentro do Réxime Especial do Mar da Seguridade Social (aquelas que traballan por conta propia e allea e as embarcadas) tras unha emenda transaccional entre PP e PNV no Senado. En consecuencia, votaron en contra desta iniciativa de AGE que demandaba esta petición que a propia lei xa contempla.