Orzamentos da Deputación de Lugo

O deputado popular lémbralle a Dario Campos que o último pleno evidenciou que PSOE e BNG non contan cunha maioría suficiente para gobernar e acusoulle de manter paralizada a institución provincial

BALSEIRO: “TEMOS FUNDADAS DÚBIDAS SOBRE A APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS EN 2016 ANTE A DEBILIDADE DO GOBERNO DA DEPUTACIÓN DE LUGO E DO SEU PRESIDENTE”

  • Pídelle a Darío Campos que deixe atrás a mala herdanza de Besteiro e priorice os investimentos en benestar e emprego, colabore cos concellos con independencia da cor política do alcalde, mellore o POS
  • Balseiro asegura que Darío Campos preside un avispeiro polo polvorín bipartito da Deputación de Lugo e anticipa que, con moita probabilidade, non rematará o seu mandato

 

Santiago, 5 de outubro de 2015.- O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro asegurou esta mañá que os lucenses manteñen dúbidas fundadas sobre a aprobación dos orzamentos da Deputación de Lugo para 2016 ante a situación de debilidade na que se atopa o Goberno bipartito e o seu presidente.

O popular advertiu a Darío Campos que no último pleno de organización da administración provincial quedou en evidencia que PSOE e BNG non contan coa maioría suficiente para gobernar con estabilidade esta Deputación e demostrouse o polvorín no que teñen convertido o bipartito provincial lucense.

Balseiro tamén lembrou que a Xustiza pode botar por terra incluso a propia Presidencia de Darío Campos, que estaría nunha situación precaria de prosperar o recurso interposto por presumirse a nulidade do seu nomeamento, ao non terse respectado o establecido no Regulamento da institución.

“Ademais de inestable” –dixo Balseiro– “vostede preside un Goberno paralizado. A Deputación de Lugo atópase practicamente detida, sen xestión, nin iniciativa. E os máximos responsables son o PSOE e BNG”, Neste senso lembrou que despois de negociar durante tres meses mantivo 15 días á Deputación sen goberno, un trámite que o PP solventou en tan so tres días desde a toma de posesión.

A NOVA PRIORIDADE O BENESTAR

Balseiro fixo unha defensa pechada dos tres meses de Goberno popular na Deputación de Lugo e contrastou as primeiras decisións adoptadas polos populares coa situación actual.

Lembrou que co PP a Deputación de Lugo deixou de ser a única en Galicia insumisa en materia de servizos sociais, como acontecía durante os mandatos de Besteiro. Balserio pediu ao bipartito que rectifique e que cumpra a lei de servizos sociais e a sentenza do TSXG e, polo tanto, non prive aos que máis o necesitan dos servizos de benestar por unha cuestión partidista.

UN GOBERNO BIPARTITO CON IMPUTADOS

Balseiro tamén asegurou que os lucenses non se merecen un goberno baixo sospeita xudicial, tras lembrar que PSOE e BNG gobernan na Deputación de Lugo con ata dous imputados, entre eles, a alcaldesa de Viveiro fronte a que a Xustiza está a piques de abrir xuízo oral, sentala no banquillo.

O popular dixo crer e respectar a presunción de inocencia, pero sinala que a presenza de imputados mancha a imaxe da Deputación de Lugo e vai en contra das esixencias dos cidadáns que reclaman máis rexeneración democrática.

Balseiro advertiu que o BNG ten aínda pendentes dar explicacións aos lucenses por ter un código ético de quita e pon e pola desautorización ao veto aos imputados da que presumía sen ningún éxito o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence.

RACHAR COA HERDANZA DE BESTEIRO

Finalmente Balseiro reclamou valentía a Darío Campos para rachar co peor da herdanza de Besteiro e nesa liña pediulle que, mentres estea no goberno, colabore con todos os concellos lucenses en pé de igualdade, “sexa cal sexa a cor política do su alcalde de turno

Balseiro rematou adiantando que ante a debilidade, parálise e pouca estabilidade do Goberno de Darío Campos “non sei canto poderá aguantar no cargo” Pero en todo caso, se admite propostas construtivas, “a mellor recomendación é que non cometa os erros de Besteiro e pense menos no partido e máis nos lucenses”