Comisión de Pesca 18 11 2015

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, asegura que populares e Xunta sempre defenderán a diferenciación dos produtos galegos, que o mercado e os consumidores acollen e valoran pola súa gran calidade

O GRUPO POPULAR FACILITA UN ACORDO DO PARLAMENTO GALEGO INSTANDO Á UNIÓN EUROPEA A MELLORAR A ETIQUETAXE DOS PRODUTOS DA PESCA E MARISQUEO DE ORIXE GALEGA

 etiqueta-web-420x264

  • Por outra banda Balseiro defendeu que Xunta e Ministerio traballan no novo acordo de pesca por Portugal no que se garanta un marco igualitario nas condicións de actividade de ambas frotas, en particular, que os barcos lusos cumpran co descanso semanal obrigatorio

Santiago, 18 de novembro de 2015.- O Grupo Popular facilitou esta mañá, na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, a adopción dun acordo unánime da Cámara galega instando á modificación dos regulamentos europeos para mellorar a etiquetaxe dos produtos da pesca e do marisqueo de orixe galega.

 Desde o Grupo Popular defenden que a normativa sobre etiquetaxe debe ser o máis simple e fácil de interpretar que sexa posible e lembran que os actuais regulamentos comunitarios –que empregan ás denominacións xenéricas sobre as zona de captura da FAO- provocan no consumidor un nivel de desinformación maior, ata o punto de mesturar augas de distintos Estados membros.

 Balseiro asegurou que populares e Xunta sempre defenderán a diferenciación dos produtos galegos, tanto durante o proceso de captura e transformación como durante a comercialización. Nese senso lembran que o Goberno galego impulsou un Regulamento autonómico sobre etiquetaxe dos produtos galegos, promociona e impulsa a etiqueta PescaDeRias ¿de onde se non? que identifica a pesca fresca galega e está vixiante nos mercados para garantir a orixe galega do produto etiquetado como tal.

ACORDO PESQUEIRO CON PORTUGAL

 Por outra banda e, en relación cunha iniciativa do BNG, Balseiro defendeu que Xunta e Ministerio traballan no novo acordo de pesca con Portugal (que debe entrar en vigor o ano próximo, tras o remate do actual) e no que se garanta un marco igualitario nas condicións de actividade de ambas frotas, en particular, que os barcos lusos cumpran co descanso semanal obrigatorio.

 Os populares non apoiaron a iniciativa nacionalista que reitera esta mesma petición porque lembraron que sobre esta cuestión xa existe un acordo unánime de todas as forzas políticas parlamentarias, plenamente vixente, e que a propia Xunta defende en todas as reunións relativas á negociación deste novo convenio bilateral

 Balseiro dixo que o BNG pretende facer crer que o Goberno galego estivo de brazos cruzados, cando a realidade é outra, e a igualdade de condicións entre frotas é unha das demandas que con maior intensidade defenden, tanto a Xunta como Ministerio, nas reunións preparatorias que convoca a Secretaría General de Pesca e nas xuntas da Comisión bilateral de seguimento deste acordo, que se celebran periodicamente en Lisboa.