Comisión de Pesca 18 11 2015 b

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, insiste en que calquera posible modificación ten que basearse nunha solución global, no consenso do conxunto do sector do cerco

 O GRUPO POPULAR AVOGA POR ESTUDAR BEN UN CAMBIO NAS CLAVES DE REPARTO DO CERCO E EVITAR QUE PARA QUE GAÑEN ALGÚNS PERDA O CONXUNTO DO SECTOR

PropA

  •  Retan á oposición a demostrar que non é certo que, desde 2009, as cotas das principais especies obxectivo desta flota creceron un 52%
  •  Defenden que actual modelo de xestión permitiu rematar coa práctica da pesca olímpica que deu lugar a importantes sancións por sobrepesca que aínda restan capacidade de traballo para o sector

 

Santiago, 18 de novembro de 2015.- O Grupo Popular volveu a defender -esta vez, no transcurso dun debate no seo da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia- unha emenda na que reclama a elaboración dun estudo que determine os criterios a empregar para que a flota do cerco poida acadar máis posibilidades de pesca e que, unha vez rematado, se remitiría ao Parlamento para o seu debate.

 Os populares insisten na necesidade de estudar ben calquera posible modificación das claves de reparto e que esta estea baseada nunha solución global, no consenso do conxunto do sector do cerco e non en posicións unilaterais dunha soa parte.

 Desde o Grupo Popular manteñen que un reparto por tripulante, tal e como pide a oposición, fronte ao modelo actual mixto, que pondera criterios históricos –nun 70%- e socioeconómicos –nun 30%-, sería máis prexudicial para os intereses de Galicia e invitan á oposición a aceptar que se estude as consecuencias de modificar este sistema de reparto.

 “Unha vez que remate a campaña, cos resultados na man, estamos dispostos a debater o establecemento dun novo reparto que teña en conta maioritariamente aqueles criterios que favorezan a nosa frota, incluídos os socioeconómicos. Pero hai que analizar ben as consecuencia dun cambio non vaia a ser que, para que ganen algúns, perda o conxunto do sector do cerco galego”-alertou Jose Manuel Balseiro voceiro do mar dos populares.

 MELLOROUSE O SISTEMA

 Por outra banda, Balseiro defendeu o modelo de xestión actual que permitiu, entre outras melloras, rematar coa práctica da pesca olímpica que deu lugar –nos anos 2009 e 2010- a importantes sancións por sobrepesca que aínda restan capacidade de traballo para o sector.

 Retou tamén á oposición a demostrar que non é certo que, desde 2009, as cotas das principais especies obxectivo desta flota creceron un 52%, isto é, as capacidades de pesca da xarda, do xurelo e da anchoa, especies que constitúen a actividade principal da frota do cerco galego

 Balseiro negou que se poida acusar á Xunta de falta de interlocución, xa que que nos últimos quince meses mantiveron ata oito reunións cos representantes do cerco, en moitas das cales se adoptaron distintos acordos de importancia, como os que regulan a comercialización, permitiron autorizar un 10% máis da cota con cargo a 2016 e traspasar o 50% das posibilidades de pesca da zona próxima a Francia ao caladoiro cantábrico, o que beneficiou á frota galega.

 O voceiro do Mar dos populares galegos rematou lamentando que algúns representantes do cerco sinalen que esgotaron a cota e que, a pesar desa circunstancia, rexeiten as 500 toneladas de novas posibilidades de pesca que conseguiu de maneira excepcional a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.