Comisión 5 (25/11/2015)

Javier Abad confirmou en sede parlamentaria que a administración leva agardando quince meses a que o Goberno local remita os informes solicitados e que estes deben achegarse con carácter previo á sinatura do convenio porque a Xunta non pode dispoñer destes cartos sen garantir a viabilidade da futura residencia

BALSEIRO VALORA POSITIVAMENTE A DISPOSICIÓN DA XUNTA POR MANTER A COLABORACIÓN PARA FACER REALIDADE A FUTURA RESIDENCIA DE RIBADEO

Balseiro durante a súa intervención na Comisión de Ordenación do Territorio

  • Lembra que Política Social está disposta a prorrogar ata finais de 2016 a vixencia do convenio de tal xeito que en canto o Concello remita os informes pendentes poderían achegarse os 500.000 euros nun prazo aproximado de dous meses
  • Balseiro asegura que todo este conflito está inmerso nunha cerimonia de confusión que non beneficia a ninguén e insta ao Alcalde a desbloquear a situación, pensando no que é positivo para os seus veciños, e pídelle que non se enroque na distinta interpertación dunha cuestión burocrática

Santiago, 27 de novembro de 2015.- O deputado do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro valorou hoxe positivamente que a Xunta manteña a vontade de colaborar coa creación da residencia de Ribadeo ata o punto de anunciar a disposición da Consellería de Política Social de prorrogar ata finais de 2016 a vixencia do convenio.

Ata tal punto é así que o Goberno galego confirmou, en palabras do secretario xeral técnico da Consellería de Política Social, Javier Abad, que no momento en que desde a Alcaldía remitan os informes pendentes poderían achegarse os 500.000 euros comprometidos pola administración autonómica nun prazo aproximado de dous meses.

“Onte explicaron que o convenio tiña dúas anualidades, 2014 e 2015, que o alcalde de Ribadeo inexplicablemente deixou que se esgotaran sen avances. Como mostra de boa disposición e con ánimo de entendemento a Xunta non dá por caducada a súa oferta, mantén aberto o expediente, e está disposta a reiterar a proposta de colaboración económica prorrogándoa ata o 31 de decembro de 2016”-explicou o deputado resumindo as palabras do secretario xeral técnico.

INFORMES INDISPENSABLES

Javier Abada, número dous da Consellería de Política Territorial tamén confirmou, en resposta a preguntas do deputado popular, que a administración leva agardando quince meses a que o Goberno local remita os informes solicitados (de viabilidade e non duplicidade) e que estes deben achegarse con carácter previo á sinatura do convenio porque así o establece a lei e porque, con toda lóxica o Goberno galego non non pode dispoñer dunha cantidade tan relevante de cartos públicos sen garantir, co informe correspondente do interventor municipal, a viabilidade da futura residencia e a capacidade do Concello de facer fronte ao seu mantemento e xestión sen poñer en risco a facenda local.

NINGUÉN ENTENDE O BLOQUEO

Pola súa banda, Balseiro asegura que estamos ante unha situación de claro bloqueo, que protagoniza ao alcalde de Ribadeo e, insiste, en que o seu mantemento non beneficia a ninguén. O deputado explicou que formulou esta pregunta parlamentaria porque todo este asunto está inmerso nunha cerimonia de confusión e porque considera que os veciños de Ribadeo merecen coñecer os pasos dados pola Xunta e polo Concello durante estes anos. Balseiro asegurou que este enfrontamento non cre que teña sentido para ningún veciño e pide superalo.

O deputado popular mantén que “se conseguimos o máis difícil, que todas as administracións (Xunta, Concello e Deputación) estean dispostas a colaborar coa futura residencia, ninguén pode entender que o alcalde busque desesperadamente argumentos para boicotear esa colaboración da Xunta, salvo claro esta, que sexa unha cuestión de partidismo: Suárez Barcia quere dar a entender, e non é certo, que malos son estes da Xunta que non achegan o diñeiro”.

Por todo iso Balseiro concluíu lamentando a postura do alcalde e a vagancia do Equipo de Goberno por non remitir ningún dos informes solicitados (incluído o que se pide ante a Consellería de Presidencia, un simple trámite sinxelo que levan quince meses sen realizar) todo iso a sabendas de que desbloquearían a situación. Finalmente lembra que o Concello non ten dereito a poñer en perigo unha colaboración tan indispensable por unha simple discusión sobre a interpretación que fan dun trámite burocrático que o propio alcalde recoñece que tarde ou temprano debe cumprir.