Cerco

O voceiro do Mar do Grupo Popular di que o peor que lle pode pasar á flota pesqueira galega que o PSOE volva a gobernar pois lembra que ademais de negociar menores cotas os socialistas foron responsables das sancións por sobrepesca que aínda hoxe danan ao sector

BALSEIRO ASEGURA QUE O PSdeG NON BOTOU OS NÚMEROS TRAS DEFENDER UN CAMBIO NO MODELO DE REPARTO QUE PREXUDICA AO CERCO GALEGO NO SEU CONXUNTO

barcos

  • Considera contraproducente derrogar o plan de xestión do caladoiro Cantábrico Noroeste e introducir un reparto por tripulante pois daría lugar a perder posibilidades de pesca para a flota galega.

Santiago, 3 de decembro de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro asegurou hoxe que o líder dos socialistas galegos, Jose Ramón Gómez Besteiro “non botou os números” cando defende un cambio no modelo de reparto baseado en premisas que “prexudicarían á flota galega do cerco”

Para o deputado popular “é contraproducente” que o PSOE queira derrogar o Plan de xestión do caladoiro Cantábrico Noroeste e introducir un reparto por tripulante sen ter en conta que, entre outras consecuencias, isto suporía que entraría o cerco andaluz e perderíamos posibilidades de pesca para a nosa flota, en especies da importancia da xarda ou o xurelo neste último caso, en augas galegas

Balseiro asegura que o peor que lle pode pasar ao cerco galego é volver a un goberno do PSOE, e lembrou que cando os socialistas xestionaban a pesca o cerco tiña cotas moi inferiores, incluso en comparación coas doutras artes –como é o caso do arrastre- e non existía nin xestión, nin control ata o punto de impoñerse importantes sancións por sobrepesca que aínda hoxe seguen facendo dano ao sector e detraendo enormes cantidades nas posibilidades de pesca desta flota.

O deputado popular é moi crítico co PSOE que, en relación co cerco, “quere facer da pesca o mesmo que co seu partido: dar bandazos” e, de defender un reparto da cota do cerco en base a criterios históricos puros –como acontecía cando o anterior Goberno socialista o realizou- pasa agora a manter que o ideal é un reparto por tripulante, fronte ao modelo actual que pondera ambas circunstancias. Neste senso, mesmo cambian de criterio e defenden un reparto por históricos ca cota de pescada para a flota de volanta, no que considerou como “desvarío segundo o momento”.

Pola contra o deputado popular valorou positivamente a disposición de negociación realizada polo Ministerio, que se comprometeu a, unha vez rematada a campaña e co consenso da frota do cerco do Cantábrico e Noroeste, analizar o actual modelo de xestión e reparto e modificalo se fose necesario. Para iso, segundo Balseiro, cómpre “botar máis números de calculadora e menos electorais”, aludindo á debida análise que se debe facer cos datos sobre a mesa de cara a estudar que cambios se poden introducir para dar maiores posibilidades de pesca aos profesionais do cerco galego.

BNG

Por outra banda, o deputado popular dixo que o PSOE non é o único partido que demostra estar desnortado á hora de propoñer o seu modelo para a xestión dos intereses da flota galega, e nesa liña lembrou que o BNG onte reuníase en Vigo co sector pesqueiro e prometía xestións e defensa da frota do arrastre, feito totalmente contraditorio co que prometía fai uns días en Corcubión, o que demostra que estas formacións políticas din en cada lugar o que queren escoitar, sen importar que sexa unha cousa e a súa contraria.