Campaña xerais

O secretario xeral dos populares de Lugo asegura que a explotación que Besteiro visitou en Castro de Rei é propiedade dun concelleiro do PSOE que non pecha, senón que cambia a actividade

Balseiro censura que o secretario dos socialistas galegos bote man dos seus emisarios políticos para mentir sobre a xestión do goberno de Rajoy

• O coordinador da campaña lamenta que o PSOE recorra a este tipo de estratexias cando foron eles os que renegociaron a PAC e os que sistematicamente desprotexeron aos gandeiros

Lugo, 7 de decembro de 2015.- O secretario xeral do PP de Lugo e coordinador da campaña electoral, José Manuel Balseiro, censura que o secretario xeral dos socialistas galegos bote man dos seus emisarios políticos para mentir sobre a xestión do goberno de Rajoy.
Balseiro asegura que a explotación que hoxe Besteiro visitou en Castro de Rei é propiedade cun concelleiro do PSOE na localidade que, non pecha a súa granxa, tal e como deu a entender o socialista, senón que cambia a actividade. “Pasa dunha explotación de leite a unha de carne, pero segue traballando, pese ao que dixo o señor Besteiro”, explica.
O coordinador da campaña do PP lamenta que de novo Besteiro estea fóra de xogo na súa propia provincia e que teña que botar man “dos poucos aliados que lle quedan no seu partido para dar unha imaxe do goberno de Rajoy que ninguén cre”.
Balseiro destacou ademais que o obxectivo do PP para os próximos sete anos é o de incorporar 15.000 mozos e mozas a un sector estratéxico na provincia, ao tempo que pon en valor o esforzo que a administración central está a levar a cabo para garantir o futuro do lácteo nas mellores condicións.
“Os que renegociaron a PAC e os que sistematicamente desprotexeron aos gandeiros son os mesmos que hoxe foron a unha granxa dun concelleiro do PSOE facer un paripé para tratar de dar leccións. Vergoña lles debera dar”, engade Balseiro.