En apoio do cerco

Balseiro lamentou que os partidos da oposición rexeitaran apoiar esta proposta “impulsada como solución construtiva” e censurou que se aproveite a división de opinións no seo da flota galega do cerco como arma política

O PARLAMENTO APROBA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, INSTAR Á XUNTA A ELABORAR UN ESTUDO QUE DETERMINE AQUELES CRITERIOS QUE PERMITAN ACADAR MÁIS POSIBILIDADES DE PESCA PARA A FLOTA GALEGA DO CERCO

DSC_0002

 

  • O portavoz do Mar insistiu en avaliar “unha vez rematada a campaña e dun xeito obxectivo” os cambios a introducir no reparto para garantir o máximo tempo posible a operatividade desta flota ao longo do ano e acadar os mellores prezos no mercado

Santiago, 16 de decembro de 2015.- O Parlamento galego aprobou esta mañá unha proposición non de lei do Grupo Popular na que se insta á Xunta de Galicia a elaborar un estudo que determine aqueles criterios a empregar para acadar máis posibilidades de pesca para a flota galega do cerco, estudo que despois se remitiría ao propio Parlamento para o seu debate.

O obxectivo dos populares é dispoñer, “agora que remata a campaña e en función dos seus resultados”, dunha análise rigorosa que permita saber que cambios nos criterios de reparto serían máis favorables para o conxunto da flota, achegando unha solución obxectiva fronte á postura contraditoria que mantén o propio sector sobre as modificacións a introducir.

O portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, manifestou que a Xunta e o Ministerio non se negan a un cambio nos criterios de reparto para esta flota, pero si amosou a necesidade de escoller aqueles que permitan garantir o máximo tempo posible a operatividade da flota galega do cerco ao longo do ano e facelo acadando os mellores prezos no mercado e, polo tanto, conseguindo máis valor para as súas capturas.

Balseiro lamentou que os partidos da oposición “non estean dispostos a asumir esta proposta e votaran en contra da mesma” e censurou que “se aproveite a división de opinións no seo da flota galega do cerco como arma política, en vez aceptar un estudo que os populares defenden como unha solución construtiva”.

O GOBERNO TRABALLOU EN DEFENSA DO CERCO

Durante a súa intervención na Comisión de Pesca do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro puxo en valor as xestións impulsadas polo Goberno galego en favor desta flota. Así, lembrou que foi posible mudar o modelo de xestión que existía con anterioridade, cando gobernaba o PSOE co apoio do BNG, baseado na pesca olímpica e sen apenas control, que deu como resultado importantes sancións por sobrepesca que aínda hoxe se están pagando.

Balseiro tamén indicou que a Xunta, en colaboración co Ministerio e diante das autoridades comunitarias, foi quen de negociar un incremento das cotas nas principais especies obxectivo desta flota (xarda, xurelo e bocarte), que desde 2009 teñen aumentado un 52 por cento.

CONTINXENTES TRIMESTRAIS PARA A RAIA

Por outra banda, o portavoz popular lamentou a negativa do BNG a aceptar unha emenda na que o PP defendía demandar ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a ordenación da pesquería da raia a través de continxentes trimestrais. “O obxectivo é que se poda adecuar a disposición de posibilidades de pesca desta especie ás épocas de maior actividade e valor comercial da mesma”, explicou.

Desde o BNG defendían a eliminación do TAC, unha decisión que Balseiro considerou “pouco realista”, xa que non depende de Galicia senón da Comisión Europea, que estableceu esta limitación ante a mala situación biolóxica desta especie que se captura como pesca accesoria doutras especies, como a centola ou o peixe sapo.

CENTOLA GALEGA, AMPARADA POR PESCADERÍAS

Finalmente, o Grupo Popular rexeitou tamén a iniciativa do BNG instando á creación dunha Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe para a centola galega. Neste sentido, Balseiro lembrou que esta especie xa forma parte da marca de calidade PescaDeRias, que xa garante tanto a súa orixe galega como a procedencia da pesca costeira.

O portavoz do Grupo Popular apuntou que “esta campaña foi planificada polo propio sector, a quen consultou a Consellería do Mar antes de aprobar os seus principais aspectos e que, lonxe da visión catastrofísta que sobre a mesma ten o BNG, estase a desenvolverse este ano con éxito, tanto no número de capturas como na estabilidade xeral dos prezos”.