Rehabilitación de vivendas

Aberto o prazo de solicitude destas subvencións autonómicas que contan cun investimento de 3,2 millóns de euros para o vindeiro ano

BALSEIRO ANIMA AOS VECIÑOS DE PARROQUIAS POLAS QUE DISCORRE O CAMIÑO DE SANTIAGO A ACOLLERSE E APROVEITAR ÁS AXUDAS DA XUNTA DE GALICIA PARA A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS

 image_gallery.jpg

  • Poderán financiarse obras por valor de 11.000 euros por vivenda no conxunto das parroquias polas que discorren as rutas oficiais

 

Lugo, 29 de decembro de 2015.- O secretario do Parlamento galego e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, animou hoxe aos veciños das parroquias polas que discorre o Camiño de Santiago a acollerse e aproveitar ás axudas da Xunta de Galicia dirixidas á rehabilitación de vivendas.

Desde hoxe mesmo o Goberno galego mantén aberto o prazo de solicitude destas axudas cuxa orde de convocatoria publicaba onte o Diario Oficial de Galicia e á que pode accederse a través deste enlace: http://goo.gl/5SDHe4 Ademais, na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), tamén existe un documento no que se detallan os puntos clave destas subvencións: http://goo.gl/048jkS

ATA 11.000 EUROS POR VIVENDA

Balseiro lembra que os solicitantes destas axudas poderán financiar con cargo a estas subvencións ata o 35 por cento do orzamento das obras de rehabilitación, cun límite de axuda de 11.000 euros por vivenda.

As subvencións poderán concederse tanto ás persoas individuais propietarias de edificios ou vivendas, como a comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades de propietarios, sempre que as actuacións subvencionables se adapten ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.

Como novidade estas axudas, nas zonas rurais, non só estarán limitadas a aqueles inmobles situados estritamente na ruta, senón a todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago. Non se inclúen nestas axudas as vivendas emprazadas noutras Áreas de Rehabilitación Integral xa declaradas.

TRES RUTAS NA PROVINCIA DE LUGO

A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño galego que, no caso da provincia de Lugo serían:

  • Camiño Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
  • Camiño Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
  • Camiño Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés

Balseiro rematou lembrando que con este programa o Goberno galego quere contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular de Galicia, a través da recuperación do patrimonio residencial construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país.

Así mesmo, a Xunta entende que esta iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en gran medida por territorio rural.