Comisión de Pesca 20 01

Balseiro di que este foro, no que por primeira vez na historia participan todas as diferentes asociacións galegas, ten a iniciativa sobre a mellora da xestión e organización deste sector

 OS POPULARES PIDEN AO BNG QUE RESPECTE AO GRUPO DE TRABALLO IMPULSADO A INICIATIVA DA XUNTA COA FLOTA DA VOLANTA

volantadefondo

  • O Goberno galego vén traballando na mellora das posibilidades de pesca deste sector e por iso, desde 2009 co PP na Xunta, logrouse que a cota de pescada do Sur medrase nun 70%
  • Os populares lamentan que o BNG demande maiores cotas para a pesca galega e despois non apoie xunto co resto da oposición as iniciativas do PP e da Xunta dirixidas a esta obxectivo

 

 Santiago, 20 de xaneiro de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, pediu ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) que “respecte e deixe traballar” ao grupo constituído a impulso da Consellería do Mar e que, por primeira vez na historia grazas á iniciativa da Xunta, agrupa a todas as diferentes asociacións que representan á flota da volanta en Galicia.

 Balseiro asegurou isto durante o debate dunha iniciativa do BNG na Comisión de Pesca do Parlamento galego que, “formulada dun xeito xenérico e sen propoñer medidas concretas”, instaba á Xunta a actuar “en defensa dos intereses dos volanteiros galegos”, algo que o Goberno galego “xa se vén facendo”.

 Os populares din que o BNG “non ten dereito a suplantar a voz do sector” e pediu que sexan os propios profesionais e non os políticos os que, no seo deste grupo de traballo, e sempre en concurso coa administración, teñan a iniciativa e acorden as medidas que estimen oportunas para facer máis rendible a actividade dos volanterios galegos, introducindo melloras na xestión e garantindo a viabilidade das súas embarcacións.

UN 70% MÁIS DE COTA

 O voceiro popular do Mar amosou a súa sorpresa porque da iniciativa nacionalista se desprendese que o único problema desta flota é a insuficiencia de cotas, cando o propio BNG, xunto ao resto dos partidos da oposición “nun proceder tan irresponsable como incoherente”, negou o seu apoio no pasado período de sesións ás iniciativas do PP e da Xunta dirixidas a conseguir de Europa un aumento de cotas.

 En todo caso, Balseiro aclarou que, a diferenza do que acontecía cando o BNG e o PSOE estaban no Goberno, as posibilidades de pesca da flota da volanta “víronse incrementadas notablemente desde o ano 2009”, confirmando unha estratexia de traballo defendida desde que o PP está no goberno da Xunta. “A día de hoxe temos un 70% máis de cota de pescada do sur da que tíñamos en 2009”-dixo Balseiro.

 Para os populares galegos o máis importante é que o sector da volanta aproveite da mellor maneira os recursos, faga unha xestión máis eficaz das posibilidades de pesca das que dispón e busque mellores vías de comercialización que acheguen máis valor aos nosos produtos. Balseiro amosouse convencido de que o Goberno galego colaborará en todos estes esforzos xa que quere acadar as mellores condicións para os nosos distintos sectores pesqueiros no desenvolvemento da súa actividade diaria e no rendemento económico da mesma, e pediu o apoio da oposición nesta tarefa, “se son capaces de superar a súa miopía partidista”