Consello da Xunta: Marisqueo

O VALOR ECONÓMICO DAS VENDAS DO MARISQUEO EN GALICIA AUMENTOU NUN 14% NO 2015 E SUPEROU OS 66,5 MILLÓNS DE EUROS

Marisqueo Campaña 2015

  • Estes datos extráense do informe sobre resultados da campaña do marisqueo en Galicia no 2015, presentado hoxe no Consello da Xunta
  • Na modalidade de marisqueo desde embarcación as vendas increméntanse en preto dun 29% en cantidade e nun 9,5% en importe respecto a 2014 e no marisqueo a pé os aumentos son dun 14% e dun 15% respectivamente
  • Nas vendas do marisqueo desde embarcación destaca a evolución do berberecho respecto aos anos anteriores, con preto de 1.600 toneladas vendidas en lonxa no 2015 por un valor de preto de 8 millóns de euros
  • No eido do marisqueo desde embarcación tamén destaca a lonxa de Noia, que practicamente duplica os datos do ano anterior, coa venda de 1.600 toneladas de bivalvos por un valor superior aos 9 millóns de euros
  • No marisqueo a pé a maioría das capturas rexistráronse nas lonxas da zona de Arousa, que representan máis do 51% da facturación total deste sector

 

O valor económico das vendas do marisqueo en Galicia aumentou nun 14% no 2015 e superou os 66,5 millóns de euros con 7.500 toneladas vendidas en lonxa. Estes dato extráense do informe sobre resultados da campaña do marisqueo en Galicia no 2015, presentado hoxe no Consello da Xunta.

 Na comparativa dos datos do último ano cos do volume medio de vendas no período 2010-2015 tamén se rexistra un incremento, dun 4% no caso da cantidade vendida en lonxa e dun 5,5% na facturación.

 No caso do marisqueo desde embarcación, o informe recolle datos das vendas de máis de 2.700 embarcacións distintas que o ano pasado acadaron máis de 4.500 toneladas e máis de 38 millóns de euros de facturación. Nesta modalidade as vendas increméntanse en preto dun 29% en cantidade e nun 9,5% en importe respecto a 2014.

 Segundo o informe, as especies cunha maior presenza nas vendas desta modalidade de marisqueo son a ameixa babosa, o berberecho, a ameixa rubia, o percebe e a navalla, que representan o 77% da cantidade vendida e o 82% da facturación. Destaca especialmente a evolución do berberecho respecto aos anos anteriores, con preto de 1.600 toneladas vendidas en lonxa no 2015 por un valor de preto de 8 millóns de euros.

 A maioría das capturas procedentes do marisqueo desde embarcación vendéronse principalmente nas lonxas das zonas de Muros e Arousa, que agrupan o 74% do total da cantidade vendida e máis do 65% da facturación. O informe destaca o caso da lonxa de Noia, que practicamente duplica os datos do ano anterior, coa venda de 1.600 toneladas de bivalvos por un valor superior aos 9 millóns de euros. O ano pasado nesta lonxa vendeuse o 36% da cantidade total e obtívose o 24% da facturación.

En canto ao marisqueo a pé, o informe reflicte que o ano pasado facturou máis de 25 millóns de euros coas vendas de máis de 2.600 toneladas. Neste caso, a cantidade vendida aumentou en máis dun 14% e o importe en máis dun 15% con respecto a 2014. Nesta modalidade, as vendas concéntranse nas especies de ameixa fina, ameixa xaponesa e berberecho, que supuxeron o 91% da cantidade vendida e o 88 % da facturación.

A maioría das capturas do marisqueo a pé tamén se rexistraron nas lonxas das zonas de Arousa e Muros, sendo maiores as da zona de Arousa, que representan máis do 51% da facturación total deste sector. Neste caso, destacan as lonxas de Noia, O Grove e Campelo.

Ademais o informe recolle datos doutras vendas de bivalvos e percebe. Nesta categoría nas vendas de 2015 figura a cantidade de máis de 350 toneladas, que acadaron un valor económico de 3 millóns de euros.

 Os datos deste informe proceden das notas de venda emitidas nas lonxas galegas, información que transmiten diariamente as lonxas á Consellería do Mar e que se publica na Plataforma Tecnolóxica da Pesca do espazo web www.pescadegalicia.gal