Comisión 7ª (02/02/2016)

Balseiro defende a iniciativa de Medio Rural se que marcou como reto a revisión, en consenso co sector, do Plan Forestal, tras ter transcorrido case 25 anos desde a súa entrada en vigor

O GRUPO POPULAR CENSURA QUE O BNG PRETENDA “RESUCITAR A FRACASADA POLÍTICA FORESTAL QUE PRACTICOU A XUNTA BIPARTITA”

Montes

  • Lembra que regresar ao modelo de xestión dos montes que aplicaban socialistas e nacionalistas suporía un enorme retroceso, tal e como se demostrou coa peor vaga de incendios sufrida en Galicia,no ano 2006
  • Balseiro asegura que a negociación do convenio colectivo en SEAGA é o foro axeitado para pactar melloras nas condicións laborais do persoal das brigadas de extinción de incendios nesta empresa pública

 

Santiago, 2 de febreiro de 2016.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, censurou esta tarde que o Bloque Nacionalista Galego pretenda “resucitar a fracasa política forestal” que no seu día practicou a Xunta bipartita.

 O parlamentario fixo esta afirmación durante o debate, na Comisión de Agricultura da Cámara galega, dunha iniciativa na que os nacionalistas propoñían mudar a actual política forestal “para recuperar varias das prácticas fracasadas” que no seu día impulsou o bipartito.

 Balseiro insiste en que aplicar o modelo de xestión dos montes que defende o BNG suporía un “enorme retroceso” pois dixo que ese tipo de políticas deron como resultado a peor vaga de incendios sufrida por Galicia, a acontecida en 2006.

 Os populares lamentan que os nacionalistas “sexan reincidentes” na defensa de cuestións tan negativas como a supresión das brigadas forestais municipais ou o desmantelamento do actual operativo de prevención de incendios.

EN MARCHA A REVISIÓN DO PLAN FORESTAL

 Con todo, desde o PP si defenderon a apertura dun debate dirixido á actualización e mellora da política forestal e, con ese obxecto, lembraron que a iniciativa da Consellería do Medio Rural está en marcha o proceso de revisión do Plan forestal, cuxas liñas mestras se deseñan en consenso co sector, tras transcorrer case 25 anos desde a aprobación do Plan forestal actualmente vixente.

 PERSOAL DE SEAGA

 Por outra banda os populares tamén rexeitaron unha iniciativa de AGE sobre as condicións de traballo do persoal da empresa pública SEAGA (Servizos Agrarios Galegos) lembrando que está en proceso de negociación o novo convenio colectivo “e que ese debera ser o foro, e non o Parlamento de Galicia, onde se pacten melloras laborais para os seus traballadores”.

 Balseiro quixo aclarar, iso si, que as brigadas de SEGA son un dispositivo de reforzo para o período de alto risco o que condiciona a duración dos contratos, que usualmente abarca os meses de xullo, agosto e setembro (é dicir tres meses), de igual xeito que acontece coa maioría do persoal implicado no dispositivo nesta época, como as brigadas dos concellos, por exemplo.