Rolda de prensa en Noia

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, presentou acompañado dos deputados Santiago Freire e Ramón Santos esta iniciativa en Noia, unha das principais lonxas de marisco de Galicia

O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A AFIANZAR OS TRABALLOS DE INVESTIGACIÓN CIENTÍFICA DIRIXIDOS A ACADAR SEMENTE DE MARISCOS BIVALVOS MÁIS RESISTENTES

marisqueo-ribadeo4

  • Trátase de aproveitar, mediante selección natural, a fortaleza xenética daquelas ameixas, berberechos ou mexillóns menos vulnerables ás pragas, parasitos ou predadores
  • O obxectivo final é garantir a dispoñibilidade de semente destes recursos marisqueiros, en cantidade e calidade, e nas datas que requira cada estratexia de engorde, para que poida ser empregada polos profesionais

Noia, 4 de febreiro de 2016.- O Grupo Parlamentario Popular presentou hoxe en Noia, unha das lonxas marisqueiras máis importantes de Galicia, unha proposición non de lei rexistrada no Parlamento galego a través da que se insta á Xunta a afianzar os traballos de investigación dirixidos a conseguir semente de bivalvos máis resistentes (ameixa, berberecho e mexillón, entre outros), é dicir, menos vulnerables a pragas, parasitos e predadores.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, acompañado dos deputados autonómicos Santiago Freire e Ramón Santos, puxeron de manifestou que “o obxectivo final é garantir a dispoñibilidade de semente destes recursos marisqueiros, en cantidade e calidade, e nas datas que requira cada estratexia de engorde, para que poida ser aproveitada polos profesionais e ofrecer así un mellor futuro para o marisqueo galego, cuxa produción moitas veces vexe afectada por mareas vermellas, toxinas, bacterias e determinados cambios nas condicións químicas das augas”.

Balseiro explicou que “non se trata de ningún experimento estrafalario, senón en afondar nunha liña de investigación científica que busca a mellora xenética da semente producida, a través da selección natural daqueles individuos máis resistentes, que despois se empregarán como semente”. En Galicia moitos destes esforzos científicos estanse levando a cabo por organismos dependentes da Consellería do Mar, como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) ou o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA)

POTENCIAR A PRODUTIVIDADE DAS RIAS

O portavoz do Mar apuntou que “o Goberno galego vén traballando, con gran intensidade, na potenciación e recuperación produtiva das nosas rías e bancos marisqueiros, xa que serven de sustento para decenas de miles de profesionais do mundo do mar”. Esta liña de acción ten moitas manifestacións prácticas, que van desde a restauración daquelas zonas con necesidade de recuperación ao impulso de iniciativas dirixidas a potenciar a produtividade das rías e dos bancos marisqueiros, actualmente produtivos, como pode ser esta nova petición.

O marisqueo ten unha gran importancia en Galicia, tanto desde o punto de vista social como económico, e constitúe unha actividade laboral a salientar en centos de vilas e pobos da costa galega. Segundo os últimos datos oficiais, desta actividade dependen os ingresos de preto de 4.000 persoas, na súa maioría mulleres cando de trata do marisque a pé e, pola contra, o marisqueo á flote esta desempeñado fundamentalmente por homes.

Os deputados do Grupo Popular concretaron que só en 2015 o valor económico das vendas do marisqueo en Galicia aumentou nun 14 por cento, tras superar os 66,5 millóns de euros con 7.500 toneladas vendidas en lonxa. Son datos que dan conta da importancia dun sector no que os profesionais que desenvolven a súa actividade capturan moi diversas especies, entre as que destacan os moluscos bivalvos: a ameixa, ameixa fina, a ameixa babosa, o berberecho (Cardium edule), a navalla, a ostra ou o mexillón.