Axudas ao sector forestal

O voceiro de Montes do Grupo Popular explica que estes apoios estarán dirixidos a cumprir con distintos obxectivos como o da forestación, diminuír o risco de incendios e fomentar a competitividade da industria madereira, da que dependen ata 70.000 postos de traballo entre directos e indirectos

BALSEIRO PON EN VALOR OS PRETO DE 16 MILLÓNS DE EUROS QUE A XUNTA INVESTIRÁ EN AXUDAS DIRECTAS PARA O SECTOR FORESTAL

451__x_jfps

• O deputado explica que no que se refire ás achegas para investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais industriais dirixidas a PEMES radicadas en Galicia, haberá 7 millóns de euros para este ano e 3 máis para o 2017

Santiago, 25 de febreiro de 2016.- O voceiro de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro quixo poñer en valor e salientar os preto de 16 millóns de euros que a través de diversas ordes a Xunta investirá en axudas directas ao sector forestal.

 Estes apoios teñen por finalidade cumprir con distintos obxectivos como o da forestación, diminuír o risco de incendios e fomentar a competitividade da industria madereira, xa que dela dependen ata 70.000 postos de traballo entre directos e indirectos.

 Con estes apoios, destaca o voceiro popular, o Goberno galego busca impulsar un sector estratéxico na economía de Galicia posto que se desenvolve a través do aproveitamento dun dos recursos máis relevantes da nosa comunidade: a riqueza forestal.

 REFORESTACIÓN

 Balseiro destacou as liñas de axudas expostas en sede parlamentaria pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, cando explicou, por exemplo, que para a reforestación e creación de superficies forestais a Xunta de Galicia dispón dunha partida de 2,5 millóns, que beneficiará a propietarios particulares, asociacións cooperativas e comunidades de montes, entre outros.

 Esta liña de subvencións pretende fomentar a forestación en terreos non agrícolas, diminuír as masas forestais destinadas a un solo cultivo e, pola contra, favorecer o aumento da diversidade, e valorizar os terreos para reducir o risco de incendios forestais, así como aumentar a superficie arborizada.

 APOIOS TAMÉN Á INDUSTRIA

 A Xunta tamén prevé axudas á industria, neste caso, subvencións para investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, das que poden beneficiarse pequenas e medianas empresas (PEMES) do sector forestal radicadas en Galicia. Para este obxectivo haberá 7 millóns de euros durante este ano, aos que haberá que sumar outros 3 millóns no 2017.

 TRABALLOS DE SILVICULTURA

 A orde de axudas para a silvicultura en bosques contará cun orzamento de 6 millóns de euros. Destas achegas vanse beneficiar tanto propietarios individuais coma asociacións, cooperativas, entidades locais, montes de varas, Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), entre outras persoas xurídicas, así como montes veciñais en man común.

 Por último, existe unha liña de subvencións específica para as SOFOR cunha dotación para este exercicio de 250.000 euros e que se repartirán entre as achegas para a súa creación ou para o inicio da súa actividade.