Pleno 16/03/2016

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, reprocha aos nacionalistas que “a estas alturas ignoren o contido do programa operativo que establece como se executarán estes novos recursos económicos”

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE A MITICULTURA, O MARISQUEO E A PESCA COSTEIRA SON XA OS TRES ÁMBITOS DE INVESTIMENTO PREFERENTE DO NOVO FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DA PESCA

 1930182_481721002017559_204517581053535779_n

  • As partidas orzamentarias deseñadas pola Consellería do Mar, lonxe de apoiar á acuicultura intensiva, apostan polo impulso do sector bateeiro, de métodos para mellorar o control da calidade das augas e reducir elementos contaminantes, ou pola posta en marcha de novos criadeiros de marisco capaces de proporcionar semente máis resistente

Santiago, 16 de marzo de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou esta mañá no Parlamento o sector mexilloeiro (a miticultura), o marisqueo e a pesca costeira artesanal (a de baixura) son xa os tres ámbitos de investimento preferente do novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

 Balseiro reprochou aos nacionalistas que ignoren a estas alturas o contido do programa operativo que, deseñado pola Xunta en colaboración co sector, “establece como se executarán estes novos recursos económicos procedentes de Europa e dos que Galicia recibirá máis da metade dos fondos destinados ao conxunto de España”.

 A REMOLQUE DO GOBERNO

 O portavoz popular sinalou que “o BNG vai a remolque da acción do Goberno galego, ata o punto de presentar unha iniciativa que pide o mesmo que a Xunta xa está a facer, tanto nas súas previsións de investimentos cara o futuro, como incluso xa fixo pasado”. Nesta liña, lembrou que o 82 por cento das axudas á acuicultura que o Goberno galego outorgou con cargo ao anterior fondo europeo de pesca xa foron directamente ao sector mexilloeiro, “unha porcentaxe que se intentará manter ou incrementar no novo período de investimentos”.

 Balseiro explicou tamén que, con cargo a estes recursos, o Goberno quere reactivar as instalacións de produción de semente de bivalvos, xerando suficientes unidades de ameixa e de berberecho ou doutras especies para que fagan uso delas as nosas mariscadoras.

 INCORPORAR Á XUVENTUDE

 No ámbito da pesca de baixura, a Xunta busca incorporar á xuventude para que sirva de relevo xeracional e, nesa liña, José Manuel Balseiro lembrou que a Consellería do Mar vén de presentar nas pasadas datas un plan específico de formación e prácticas con este obxectivo

 Balseiro explicou que o voto favorable dos populares á iniciativa do BNG responde a que, “aínda que non achega nada novo respecto do que a Xunta xa ten previsto facer, non tería sentido votar en contra de priorizar os investimentos en ámbitos como a miticultura, o marisqueo ou a pesca artesanal que xa forman parte da axenda do Goberno galego”.

 ACUICULTURA

 Finalmente, Balseiro reprochou ao BNG que pretendese presentar os orzamentos da Consellería do Mar en 2016 “como unha aposta pola acuicultura intensiva, cando cada unha das partidas citadas polos nacionalistas como susceptibles de ser eliminadas, cando van precisamente no sentido contrario”.

 Así, lembrou que “non sería comprensible que ninguén poida opoñerse a apoiar aos bateeiros, ás pequenas e medianas empresas acuícolas que desenvolven a súa actividade na nosa costa, os esforzos que estas compañías realizan na mellora dos sistemas dirixidos a garantir a calidade das augas e a reducir a presenza de elementos contaminantes ou pida eliminar partidas de benestar animal dirixidas ao impulso de criadeiros nos que se proporcione semente ao marisqueo máis resistente á pragas e parasitos”.