Balseiro quere que a Xunta se involucre neste obxectivo contribuíndo a difusión deste evento nos medios de comunicación nacionais, un requisito imprescindible para acadar este recoñecemento
O GRUPO POPULAR LEVA AO PARLAMENTO GALEGO O APOIO Á DECLARACIÓN DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL DA FEIRA DO BONITO DE BURELA
- Cada primeiro sábado de agosto, desde 1983, o bonito –un dos produtos pesqueiros máis recoñecidos desta localidade- convértese no máximo protagonista deste evento de exaltación gastronómica
- Trátase dunha cita consolidada grazas ao traballo de centos de voluntarios e colaboradores organizados polo colectivo Ledicia e co apoio da confraría, do sector pesqueiro e de diversas administracións.
Burela, 17 de marzo de 2016.- O Grupo Popular rexistrou no Parlamento de Galicia unha iniciativa en apoio da declaración de Interese Turístico Nacional da Feira do Bonito de Burela. Así o explicaron hoxe o seu autor, o deputado e secretario da Cámara galega, Jose Manuel Balseiro, e responsables do Grupo Municipal Popular desta localidade.
Os populares queren ademais que a Xunta se involucre neste obxectivo contribuíndo, por exemplo, aos esforzos que se están a facer para a difusión deste evento nos medios de comunicación nacionais, un requisito imprescindible que debe cumprir e acreditarse segundo establece a lexislación vixente, para que poida acadar este recoñecemento.
O PRIMEIRO SÁBADO DE AGOSTO DESDE 1986
Balseiro explicou que temos que remontarnos ao ano 1983 para, a impulso do colectivo veciñal e cultural Ledicia, lembrar a primeira edición dunha cita totalmente arraigada no calendario festivo, que leva máis de 30 anos difundindo os beneficios do consumo do bonito.
En cada primeiro sábado de agosto a Feira do Bonito de Burela converte a este produto pesqueiro no máximo protagonista deste evento de exaltación gastronómica, durante a cal pode degustarse preparado de moi diversas maneiras (asado, en empanada e cocido) grazas ao traballo de centos de voluntarios e colaboradores organizados polo colectivo Ledicia e co apoio da confraría, do sector pesqueiro e de diversas administracións.
INTERESE TURÍSTICO AUTONÓMICO
A Feira do Bonito xa dispón desde 1999 e sendo presidente do Goberno galego Don Manuel Fraga, o seu recoñecemento como festa de interese turístico de Galicia.
Balseiro salienta que cando están a piques de cumprirse 17 anos deste importante recoñecemento autonómico, a Feira consolidouse como unha cita turística e gastronómica de gran relevancia para a promoción e posta en valor do bonito, un peixe que identifica e dá fama ao porto pesqueiro de Burela.
UNHA CITA CONSOLIDADA
A Feira naceu con humildade como unha xornada cultural e gastronómica con fama na comarca da Mariña lucense pero, rapidamente, e coa complicidade e participación do conxunto dos veciños e da asociación promotora, foi gañando en entidade propia ata atraer a xentes de todas as ideades e procedencias, superando incluso ás 10.000 persoas.
Ata tal punto é así que nos últimos anos veñen elaborándose 3.500 quilos de bonito, en moi diversas preparacións, e un conxunto de actividades complementarias entre as que non faltan as degustacións na hostalería, os espectáculos folclóricos que amenizan a Feira co son das gaitas e bailes tradicionais, concertos, xornadas técnicas e actividades infantís, todas, co bonito como protagonista.