Comisión 7ª (18/03/2016)

Jose Manuel Balseiro rexeita o intento do BNG de volver ao pasado recuperando as UXFOR, unha figura de xestión forestal impulsada polo bipartito e fracasada, ata o punto de que, polas carencias que presentaba, non se constituíu ningunha

O GRUPO POPULAR DEFENDA A FIGURA DAS SOFOR COMO FERRAMENTA ÚTIL E EFICAZ PARA A AGRUPACIÓN DE PROPIETARIOS FORESTAIS

 

Montes

  • En contraste co acontecido co bipartito, o novo modelo de sociedade forestal impulsado polo Partido Popular xa ten cinco iniciativas en marcha e 25 máis con trámites avanzados para a súa constitución

 

Santiago, 18 de marzo de 2016.- O Grupo Parlamentario Popular defende a figura das sociedades de fomento forestal (SOFOR) como unha ferramenta útil e válida que permite a agrupación de propietarios e, a través desta, facer unha xestión conxunta do monte con plans máis rendibles, racionais e sostibles.

O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, reiterou que son partidarios das SOFOR, a nova fórmula dirixida a combater o minifundismo forestal a través da posta en común parcelas de reducida superficie.

EVITAR UN RETROCESO AO PASADO

Pola contra, Balseiro rexeitou a intención do BNG que, mediante unha iniciativa debatida hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento galego, pretendía recuperar as antigas unidades de xestión forestal (UXFOR) creadas polo Goberno bipartito, a pesar de que demostraron ser un fracaso, ata o punto de que, á chegada do Goberno do PP (no ano 2009) non se tiña constituído ningunha delas.

Balseiro non dubidou en lembrar e repasar as múltiples carencias que presentaban as UXFOR deseñadas polo bipartito: non ofrecían as garantías xurídicas necesarias (ata o punto de ser incluso confiscatorias), non resultaban axeitadas para a xestión sostible do monte e a súa natureza administrativa provocaba problemas tributarios e dificultades incluso á hora de poñer á venda os produtos obtidos dos aproveitamentos do monte.

CINCO EN MARCHA E 25 EN TRÁMITE

 Segundo Balseiro, “aprobar a iniciativa nacionalista suporía unha volta ao pasado, un retroceso evidente, que faría inviables os esforzos realizados polo PP coa creación das novas SOFOR, que corrixen o modelo anterior e apostan por un sistema máis eficaz para consolidar os procesos de agrupación da propiedade, a loita contra o abandono do monte e a mellora na prevención dos incendios”.

“En contraste co que acontecía co bipartito, que non foi quen de poñer ningunha UXFOR en marcha, hoxe xa están funcionando cinco SOFOR e 25 máis están en trámite”, concretou o portavoz popular, quen indicou que “os propietarios apostan por un modelo voluntario, de responsabilidade limitada ás achegas dos sociais e cun obxecto social especificamente orientado ao aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto”.