Internacionalización

Balseiro lembra que, mundo globalizado, cada vez adquire maior importancia a promoción dos produtos frescos e transformados do sector pesqueiro galego e a potenciación da imaxe internacional do noso sector marítimo

O GRUPO POPULAR QUERE QUE A XUNTA POTENCIE A PRESENZA DE EMPRESAS PESQUEIRAS NAS FEIRAS E MERCADOS INTERNACIONAIS DE MAIOR PRESTIXIO

 11JunSemanaVerde2.jpg

  • Estes eventos son un escaparate privilexiado e moi útil para que os distintos axentes profesionais do noso sector pesqueiro gañen en visibilidade, capacidade de negocio e presenza en novos países

 

Santiago, 21 de marzo de 2016.- O Grupo Popular vén de presentar unha iniciativa de impulso á acción do Goberno pola que se demanda á Xunta que potencie a presenza de empresas pesqueiras galegas nas feiras e mercados internacionais de maior prestixio.

 O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explica que estes eventos son un escaparate privilexiado e moi útil para que os distintos axentes profesionais do noso sector pesqueiro gañen en visibilidade, capacidade de negocio e presenza en novos países.

 Os populares queren que a administración intensifique os apoios que o Goberno galego xa dispón con este obxectivo, potenciando e ampliando as axudas económicas e técnicas precisas para que o sector marítimo-pesqueiro galego teña presenza nestes eventos.

 POTENCIAR A IMAXE INTERNACIONAL

 Balseiro entende que esta estratexia é esencial “nun mundo globalizado, no que cada vez adquire maior importancia a promoción dos produtos frescos e transformados do sector pesqueiro galego e a potenciación da imaxe internacional do noso sector marítimo”

 O voceiro popular do Mar di que, por todo isto, son favorables “a redobrar os apoios das administracións ás nosas empresas”, e insiste en que deste xeito se “contribuirá a mellorar a eficiencia do sector, reforzar a súa presenza no exterior e aumentar a súa capacidade para ampliar mercados”.

 MELLORA DAS EXPORTACIÓNS

 Balseiro lembrou que os datos acreditan que o sector exterior é un ámbito en alza. Dá testemuña deste feito o incremento das exportacións galegas de pescados e mariscos nun 9,2% en 2014 ou o feito de que o mercado exterior destes produtos teña superado as 210.000 toneladas cun valor económico que supera tamén os 363 millóns de euros.

 “Galicia representa aproximadamente o 50% do total do volume de exportacións de España de preparados, conservas e semiconservas e é case o 60% do valor económico das exportacións de España nestes sectores. Aspiramos a un liderado similar no tocante aos preparados de peixe e marisco, pois a calidade que os caracteriza, supón unha vantaxe competitiva fronte a outros países”