Balseiro considera necesario impulsar unha análise exhaustiva dirixida a obter a ampliación das posibilidades de pesca mediante o intercambio con outros países ou flotas que non consuman a súa cota asignada
O GRUPO POPULAR DEFENDE A POSTA EN MARCHA DE AXUDAS PARA AS FLOTAS AFECTADAS POLA REBAIXA DA COTA DE PESCADA SUR
- Os populares defenden e respectan á acción da Xustiza e das Forzas de Seguridade e censuran a dobre vara de medir da oposición que, cando estaban no goberno, non pediron o arquivo das sancións cando os profesionais do mar protestaban contra a xestión da Xunta bipartita
Santiago, 22 de marzo de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, amosouse partidario do outorgamento de axudas para a paralización temporal da actividade das flotas de volanta, rasco e palangre de fondo que operan no Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste e que están a verse afectadas pola rebaixa da cota de pescada sur.
Os populares lembran que esta foi unha das demandas formuladas pola Xunta de Galicia ao Goberno central ante quen tamén pediron a elaboración dunha análise exhaustiva dirixida a obter a ampliación das posibilidades de pesca mediante o intercambio con outros países ou flotas que non consuman a súa cota asignada.
MELLORA BIOLÓXICA DA PESCADA SUR
Balseiro fixo estas declaracións no marco do debate dunha iniciativa do BNG rexeitada na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia e na que reclamaban retomar o plan de recuperación da pescada. Os populares amosaron a súa sorpresa porque os nacionalistas pidan agora recuperar un plan do que, insistentemente e durante todo o tempo da súa vixencia, reclamaban a súa derrogación.
Os populares si quixeron defender a utilidade das medidas de recuperación, confirmadas polos informes científicos que acreditan unha a mellora na biomasa de reprodutores (ata as 18.000 toneladas), o descenso da mortaldade por pesca e o crecemento do número de novos individuos neste stock, polo tanto, mellorouse a situación dentro do límite biolóxico de seguranza (que está establecido en 9 toneladas e temos 17 toneladas)
Balseiro lembrou tamén que hoxe as cotas da pescada sur son un 50% superiores ás que existían cando PSOE e BNG gobernaban na Xunta e daquela ademais estaba o gasóleo a prezos desorbitados e indicou que pese aos recortes dos últimos anos no TAC, a negociación liderada polo actual Goberno galego foi quen de reducir a pretensión inicial da Comisión Europea de impoñer unha redución de cota do 60% con respecto á que se dispoñía en 2015
RESPECTAR Á XUSTIZA E ÁS FORZAS DE SEGURIDADE
Por outra banda, o deputado do Grupo Popular, Vidal Martínez-Sierra asegurou que a súa formación política defende e respecta a acción da Xustiza e das Forzas de Seguridade no tocante ás sancións administrativas e procedementos xudiciais que se promoveron tras os altercados que aconteceron en varias manifestacións de parte dos profesionais do cerco
Desde o Partido Popular censuran a dobre vara de medir da oposición que, cando estaban no Goberno, non pediron o arquivo das sancións que se impuxeron aos profesionais do mar que daquela protestaban contra a xestión da Xunta bipartita. Socialistas e nacionalistas defendían cotas de pesca moito menores e cuns prezos do combustible moito máis elevados, que afogaban a flota