Comisión 8ª (22/03/2016b)

Balseiro destaca que contribuirá a mellorar a eficiencia do sector, reforzar a súa visibilidade e presenza no exterior e aumentar a súa capacidade para ampliar mercados

 O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA REFORZAR A PRESENZA DAS EMPRESAS PESQUEIRAS EN FEIRAS INTERNACIONAIS

 11JunSemanaVerde2

  • O acordo insta á Xunta a potenciar e ampliar as distintas liñas de apoio tanto desde o punto de vista técnico e económico

 

Santiago, 22 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar, co voto en contra dos grupos da oposición, a iniciativa do Grupo Popular dirixida a reforzar a presenza das empresas pesqueiras galegas nas feiras e mercados internacionais de maior prestixio.

O acordo insta á Xunta de Galicia a potenciar as distintas liñas de apoio que xa existen, ampliando os recursos económicos e técnicos dos que poden beneficiarse os distintos axentes profesionais do noso sector pesqueiro

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, destacou que “unha medida destas características contribuirá a mellorar a eficiencia do sector, reforzar a súa visibilidade e presenza no exterior e aumentar a súa capacidade para ampliar mercados”.

UN SECTOR EXTERIOR EN ALZA

O portavoz popular salientou que “este é un momento especialmente acaído para este tipo de iniciativas posto que, segundo acreditan os datos, está en alza”. Neste sentido, subliñou que “as exportacións galegas de pescados e mariscos veñen de incrementarse un 9,2 por cento en 2014, superando as 210.000 toneladas e cun valor económico que supera tamén os 363 millóns de euros”.

 Balseiro explicou tamén que as empresas galegas representan aproximadamente o 50 por cento do total do volume de exportacións de España de preparados, conservas e semiconservas e supón case o 60 por cento do valor económico das exportacións nestes sectores.