Arrastre

Presenta unha iniciativa no Parlamento en apoio a esta flota e aos profesionais que traballan enrolados nos máis de 400 arrastreiros que poderían verse prexudicados por este veto

O GRUPO POPULAR REXEITA A PROHIBICIÓN QUE A UE QUERE IMPOÑER Á FLOTA DE ARRASTRE EN PROFUNDIDADES SUPERIORES AOS 800 METROS

 José Manuel Balseiro

  • Fronte á prohibición xenérica que non se sustenta en criterios científicos, reclámase un modelo variable que se adapte á realidade e vulnerabilidade dos espazos obxecto de aproveitamento pesqueiro
  • Pídese afianzar a colaboración con outros estados para rematar o traballo de cartografiado dos fondos mariños en todo o Atlántico, identificando aqueles espazos que serían obxecto de protección

Santiago, 28 de marzo de 2016.- O Grupo Parlamentario Popular rexeita a intención da Unión Europea de establecer unha prohibición xenérica á flota do arrastre que impediría a súa actividade en profundidades superiores aos 800 metros. En concreto, considérase que este veto europeo non ten fundamento científico e desprézase a evolución positiva e bo estado que presentan a inmensa maioría das especies comerciais de augas profundas, segundo acreditan os últimos estudos.

 O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, avanzou hoxe a presentación dunha iniciativa no Parlamento galego en apoio desta flota e dos profesionais que traballan enrolados nos arrastreiros galegos que poderían verse prexudicados por esta nova restrición.

 Balseiro explica que en torno a 164 arrastreiros faenan en augas internacionais, de Gran Sol e do litoral cantábrico; aos que hai que engadir 140 buques máis que faenan con artes de enmalle na costa litoral cantábrica, 100 deles da flota de artes menores; e 10 máis que faenan baixo outras bandeiras comunitarias, pero de capital galego.

 ADAPTARSE Á NATUREZA DOS FONDOS

 Fronte á prohibición xenérica, Balseiro reclama un modelo variable que se adapte á realidade e vulnerabilidade dos espazos obxecto de aproveitamento pesqueiro, tendo en conta ademais que sería absurdo prohibir o arrastre nuns caladoiros nos que operan tamén flotas extracomunitarias que si fan uso destas artes e que, polo tanto, provocaría un agravio comparativo fronte á flota europea

 Desde o Grupo Popular, reitérase a necesidade de modificar a normativa comunitaria vixente sobre a xestión de pesqueirías de augas profundas, de tal xeito que se aposte por unha xestión sustentable nos eidos económico, ambiental e social, que sexa compatible co mantemento da capacidade da flota, da súa actividade económica e dos empregos.

 Balseiro explicou tamén que desde o Grupo Popular se insta ás distintas administracións a afianzar, en colaboración con outros estados, os traballos de cartografiado dos fondos mariños en todo o Atlántico, identificando aqueles espazos máis vulnerables a partir dos cales se acordaron medidas de protección no seo das Organizacións Rexionais de Pesca.