Gardacostas

Jose Manuel Balseiro, pon en valor o traballo desenvolvido por este servizo –único entre as comunidade autónomas– dirixido á protección da vida, integridade física e seguridade dos homes e mulleres do mar

 O GRUPO POPULAR PIDE Á XUNTA OUTORGAR O MÁXIMO RECOÑECEMENTO INSTITUCIONAL AOS PROFESIONAIS DE GARDACOSTAS DE GALICIA TRAS 25 ANOS DE SERVIZO PÚBLICO

 IMG_7489

  • Hoxe os Gardacostas de Galicia teñen modernizados os seus dous helicópteros, establecido novas quendas e operativos que permiten unha atención ás 24 horas do día os 365 días do ano, cunha capacidade de resposta case inmediata e incorporado navíos punteiros como os ‘Irmáns García Nodal’ ou o ‘Sebastián de Ocampo’

 

Santiago, 31 de marzo de 2016.- O Grupo Parlamentario Popular insta á Xunta de Galicia a impulsar as xestións que sexan necesarias para outorgar o máximo recoñecemento institucional ás traballadoras e traballadores de Gardacostas de Galicia, tanto a título individual como colectivo, tras 25 anos de servizo público e de protección da vida, integridade física e seguridade dos homes e mulleres do mar.

 O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor as tarefas desenvolvidas por este servizo público de titularidade autonómica –único entre as Comunidades Autónomas de España- que xestiona a atención das emerxencias que se poidan producir no mar e que, coa súa denominación actual, naceu en 2004 froito da unión dos operativos autonómicos de Busca e Salvamento e de Vixilancia Pesqueira.

 “Durante estes primeiros 25 anos de funcionamento, a actividade das 194 persoas que conforman o corpo de Gardacostas de Galicia salvaron máis de 1.500 vidas e atenderon milleiros de situacións nas que estaba en risco a integridade física dos homes e mulleres do mar” -salienta Balseiro.

 O voceiro popular tivo un recoñecemento a dúas das figuras impulsoras deste servizo, como son Manuel Fraga e de Enrique López Veiga, entre outros, implicados fondamente na mellora dos medios de salvamento con base en Galicia, que seguro que xa imaxinaban o enorme beneficio social e o papel tan destacado que este servizo segue a xogar en Galicia 25 anos despois da súa posta en marcha.

 GAÑOU EN OPERATIVIDADE

Balseiro destacou os avances experimentados polos Gardacostas de Galicia que, nas últimas dúas lexislaturas, teñen modernizados os seus dous helicópteros, establecido novas quendas e operativos que permiten unha atención ás 24 horas do día os 365 días do ano, cunha capacidade de resposta case inmediata e, xa antes, incorporado navíos punteiros como os ‘Irmáns García Nodal’ ou o ‘Sebastián de Ocampo’.

 “Hoxe, 25 anos despois, a Xunta blinda ou aumenta cada ano os fondos destinados ao funcionamento do corpo de Gardacostas en compromiso inequívoco con cada un dos seus traballadores e traballadoras e en resposta a esa fonda vocación de servizo aos demais da que dan testemuña en cada rescate”.

 NON DEIXAR QUE NUNCA NINGUÉN QUEDE ATRÁS

 Balseiro rematou salientando que “cada un dos seus profesionais, atesouran méritos máis que suficientes para recibir o correspondente recoñecemento individual e colectivo, e seguirán facéndoo mentres, durante moitos anos, continúen levando por toda a costa galega os valores que se resumen á perfección cun dos seus lemas: non deixar que nunca ninguén quede atrás”.