Comisión de Pesca (05/04/2016)

Jose Manuel Balseiro pon en valor o traballo destes profesionais cando se cumpren 25 anos de funcionamento deste servizo público

O PARLAMENTO DE GALICIA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, PIDE OUTORGAR O MÁXIMO RECOÑECEMENTO INSTITUCIONAL AO PERSOAL DE GARDACOSTAS

 xuntamedios

  • O portavoz popular felicitouse porque o BNG, que leva anos criminalizando á flota de gran altura, propoña agora iniciativas para mellorar a súa competitividade, pero lamentou que sexan solucións parciais so para a flota de arrastre que non benefician a outros segmentos, como o de palangre de superficie ou o cerco que opera en augas internacionais

 

Santiago, 5 de abril de 2016.- A iniciativa impulsada polo Grupo Popular para outorgar “o máximo recoñecemento institucional”, tanto a título colectivo como individual, ás traballadoras e traballadores do servizo de Gardacostas de Galicia vén de ser aprobada sen ningún voto en contra esta tarde no seo da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia.

 O voceiro do mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, lembrou que esta iniciativa ten por obxecto poñer en valor os 25 anos de servizo público duns profesionais que, entre outras funcións, son os encargados de atender as situacións de urxencia que acontecen no mar, así como as tarefas de inspección marítima dirixidas a garantir o aproveitamento sostible dos recursos, a loita contra o furtivismo e contra a contaminación.

 Na súa exposición, Balseiro lembrou as melloras promovidas ao longo das dúas últimas lexislaturas polos gardacostas de Galicia. En concreto, salientou como a máis importante a ampliación da operatividade do servizo áreo de rescate que, grazas ás gardas presenciais, atende as 24 horas do día os 365 días do ano, así como a dotación de embarcacións máis modernas e de material provisto coas últimas tecnoloxías. Ademais, sinalou que, nun contexto de contracción orzamentaria, este servizo non sufriu recortes, senón que viu blindado os seus investimentos.

FLOTA DE GRAN ALTURA

Por outra banda, esta tarde tamén foi obxecto de debate unha iniciativa do BNG para mellorar a competitividade das embarcacións de arrastre que operan en augas internacionais. Os populares felicitáronse porque os nacionalistas, que levan anos criminalizando á flota de gran altura, propoñan agora medidas no seu beneficio.

En todo caso, o Grupo Popular lamentou que a petición do BNG se limite a achegar solucións parciais que non benefician a todos os segmentos da flota de gran altura e propuxo un acordo alternativo a través dunha emenda na que pedían ampliar estes incentivos tamén ao palangre de superficie e ao cerco que opera en augas internacionais.

Os populares reclamaban, máis en concreto, ampliar ao conxunto da flota de gran altura as medidas dirixidas a facilitar a renovación das unidades operativas e permitir que poidan acceder aos rexistros especiais. Ademais, pedían promover a modificación da normativa comunitaria en relación co cercenamento de aletas de tiburón a bordo de buques (práctica coñecida como finning), corrixir a situación das tarifas arancelarias aplicadas aos continxentes de toros de pescada e simplificar a aplicación da norma da Unión Europea para certificar os fretes desde terceiros países.