Flota de gran altura

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, lamenta a obsesión da oposición por criminalizar este segmento de flota que xera entorno a 1.500 empregos directos e achega boa parte dos produtos que moven a cadea mar-industria

O PPDEG IMPULSA UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO CON MEDIDAS DIRIXIDAS A REFORZAR A COMPETITIVIDADE DA FLOTA DE GRAN ALTURA

 

 

  • A proposta reclama, entre outras medidas, a igualdade de acceso aos rexistros especiais para o conxunto da flota que faena en augas internacionais, a revisión das políticas arancelarias para os toros de pescada conxelada, a derrogación do regulamento vixente sobre o cercenamento da aletas de tiburón e unha simplificación da norma da UE para certificar os fretes desde terceiros países

 
A Guarda, 8 de abril de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, acompañado da presidenta dos populares de A Guarda, Conchi Ortega, presentaron esta mañá unha iniciativa parlamentaria na que se propón unha batería de medidas dirixidas a reforzar a competitividade dun sector esencial no ámbito marítimo como é a flota de gran altura.

A través desta iniciativa, o Grupo Popular reclama que se recoñeza a singularidade do conxunto das embarcacións que faenan en augas internacionais, entre as que, segundo os datos oficiais do rexistro de buques pesqueiros de Galicia, atopamos a flota do arrastre (3 bacaladeiros, 15 conxeladores e 15 NAFO), a flota de palangre de superficie (119 embarcacións) e o cerco atuneiro (con 3 embarcacións).

Ademais, solicítanse medidas ao Goberno central para facilitar a renovación das unidades operativas e o acceso do conxunto desta flota aos rexistros especiais e, en particular, a inclusión no Registro Especial de Empresas e Buques de Pesca Españoles que ofrece unha seria de vantaxes aos seus usuarios. Así mesmo, pídese que se derrogue a normativa comunitaria vixente en materia de finning, isto é, a que regula o cercenamento de aletas de tiburón a bordo dos buques; e que se corrixa a normativa comunitaria para aplicar unha nova política arancelaria aplicable aos continxentes de toros de pescada. Finalmente, desde o PPdeG se reclama a simplificación da aplicación da norma da UE para certificar os fretes desde terceiros países.

CRÍTICAS Á OPOSICIÓN

No acto de presentación, José Manuel Balseiro foi especialmente duro coas forzas políticas da oposición, ás que acusou de “boicotear un acordo con este mesmo obxectivo no seo da última Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, na que os populares defenderon unha emenda que propoñía estas medidas de impulso á competitividade da flota de gran altura”.

De xeito moi particular, Balseiro criticou a postura do BNG, que rexeitou unha emenda que recollía integramente a súa propia proposta, e de AGE porque “están obsesionados en criminalizar este segmento de flota, chegando a cualificala con connotacións negativas como flota industrial, obviando a importancia que teñen en portos como os de A Guarda, Vigo, Marín, Ribeira, Celeiro ou Burela”.

O portavoz popular quixo lembrar que a flota de gran altura xera entorno a 1.500 postos de traballo directos, ademais de ser o primeiro eslabón da importante cadea mar-industria, básica para centos de localidades galegas e para empresas de transformación e distribución da conserva ou do conxelado, entre outras, que agrupan outros 20.000 empregos directos.

José Manuel Balseiro sinalou que desde o Grupo Popular “agardamos que as forzas da oposición estean á altura das súas responsabilidades e o mellor xeito de demostralo é apoiando esta iniciativa con medidas concretas a favor da flota de gran altura galega”.