Conserva

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, presentou esta iniciativa en rolda de prensa, acompañado do alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas e da deputada Herminia Pouso

O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA DE GALICIA A DESENVOLVER O PLAN ESTRATÉXICO DA CONSERVA PARA CONSOLIDAR A POSICIÓN DE LIDERADO QUE TEMOS NESTE SECTOR

 FullSizeRender (3)

  • Entre as medidas que incorpora o plan figuran incrementar o valor engadido da produción, consolidar as estruturas empresariais existentes, implantar innovacións tecnolóxicas e novos modelos de I+D+i, garantir a calidade no emprego e recoñecer o papel da muller neste eido produtivo

 

Ribeira, 18 de abril de 2016.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego pola que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver o plan estratéxico da conserva, de tal xeito que permita consolidar a posición de liderado que Galicia no mercado nacional e internacional sen perder a implicación social e laboral que esta actividade ten na Comunidade galega.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, acompañado do alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas e da tamén deputada popular Hermina Pouso, deron a coñecer esta iniciativa parlamentaria esta mañá en Ribeira, nunha das comarcas galegas onde maior peso e relevancia ten este sector de actividade.

 “Apostar pola conserva galega é a súa vez xerar oportunidades para seguir achegando ao ámbito nacional e internacional os nosos peixes e mariscos, singulares produtos gastronómicos de calidade. Permiten tamén a Galicia compartir cos consumidores o mellor que ten, produtos que son imaxe da nosa cultura, a nosa xente do mar, a nosa gastronomía única e, en definitiva, a nosa esencia”, dixo Balseiro.

 A XUNTA COMO ALIADA

 Balseiro lembrou que o Goberno galego, en colaboración cos distintos axentes do sector, traballou nestas últimas datas na elaboración, redefinición e deseño dun novo Plan Estratéxico para a conserva, que pretende ser unha ferramenta que actualice e integre todas as posibles liñas de actuación e axuda para o sector

 “A Consellería do Mar, consciente da importancia da conserva en Galicia, debe seguir constituíndo un apoio e ser unha firme aliada na procura dunha maior eficacia e rendibilidade económica e social dun sector clave para na cadea de produción mar-industria”, indicou Balseiro.

 MEDIDAS CONCRETAS A IMPULSAR

 Entre os aspectos contemplados no devandito plan, e que os populares reclamaron que se desenvolvan, está o impulso dunha serie de medidas destinadas a incrementar o valor engadido da produción e consolidar as estruturas empresariais existentes e a posición de liderado nos mercados locais e internacionais, a través dunha serie de axudas dirixidas, entre outros aspectos, á mellora da comercialización e a aposta por produtos que acaden mellores prezos no mercado

 Ademais, o plan busca potenciar a competitividade a través dunha maior implantación do sector en actividades de I+D+i e garantir a estabilidade e calidade do emprego, tras superar un momento de dificultade neste ámbito no que a crise impactou dun xeito determinante ata o punto de sufrir unha reconversión.

 Outro aspecto relevante deste plan ten que ver co recoñecemento do papel da muller neste sector, con medidas que afonden en aspectos tales como o fomento da contratación indefinida, a determinación de políticas de formación, e a igualdade de oportunidades vinculada á conciliación da vida laboral e familiar.

 MEDIO CENTO DE EMPRESAS

 Para rematar, Balseiro lembrou que Galicia “vén sendo un referente a nivel europeo e mundial desde hai máis dun século neste eido produtivo, liderando un ámbito que achega ás nosas mans un produto apreciado pola súa gran calidade e listo para consumir, e que deixa tras de si unha longa sucesión de procesos que van desde a súa pesca e limpeza, preparación, envasado, etiquetaxe e posta no mercado”.

 De feito, o sector da conserva en Galicia xera case o 3 por cento do Produto Interior Bruto na Comunidade galega, onde operan máis de medio cento de industrias conserveiras que son fonte riqueza e emprego nas localidades nas que están situadas