Eucalipto

O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, quere saber a liña de traballo que segue o Executivo para deseñar unha norma de grande importancia para o sector forestal galego

BALSEIRO INTERPELA AO GOBERNO SOBRE O NOVO DECRETO NO QUE TRABALLA A XUNTA PARA REGULAR AS PLANTACIÓNS DE EUCALIPTOS

eucalipto.jpg

  •  O popular di que Galicia non pode renunciar a esta importantísima especie para a nosa economía forestal, que constitúe unha relevante fonte de ingresos para os propietarios dos montes, sobre todo en zonas como A Mariña lucense, Eume, Ortegal e A Terra Cha
  • Máis da metade dos aproveitamentos madeireiros de Galicia teñen a súa orixe no eucalipto que, xunto ao piñeiro, representan máis do 50% da produción de madeira que se comercializa en toda España

Lugo, 19 de abril de 2016.- O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, interpelará ao Goberno galego sobre o novo Decreto que, en elaboración, regulará as plantacións de eucalipto. O parlamentario quere saber a liña de traballo que sigue o Executivo para deseñar unha norma de grande importancia para o sector forestal da nosa Comunidade.

 De feito, segundo as últimas estatísticas máis da metade dos aproveitamentos madeireiros con destino industrial en Galicia corresponden ao eucalipto que, xunto co piñeiro, constitúen a principal materia prima dun sector que produce máis do 50% da madeira que se comercializa en España.

 ÉXITO DO EUCALIPTO

 Balseiro lembra que o éxito do eucalipto responde a moi diversos factores: a rendibilidade que achega ao propietario (que é quen inviste), as boas condicións para o seu cultivo que se dan na nosa Comunidade, e unha elevada demanda industrial.

Ata tal punto é así que nos últimos foros que se celebraron analizando o futuro desta especie forestal se apuntou que o eucalipto reparte 150 millóns de euros, cada ano, entre miles de familias galegas.

 NON TEN SENTIDO RENUNCIAR AO EUCALIPTO

 Para o portavoz de Montes do Grupo Popular non tería ningún sentido renunciar a esta importantísima especie para a economía forestal galego, sobre todo sendo conscientes de que a madeira de eucalipto constitúe unha relevante fonte de ingresos para os propietarios dos montes, sobre todo en zonas como A Mariña lucense, Eume, Ortegal e A Terra Cha, entre outras.

 Con todo, Balseiro aclara que o Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, defendendo o establecemento dunha ordenación no territorio desta especie forestal. “O obxectivo era regular a súa presenza facendo compatibles eses intereses económicos cos usos dos espazos forestais e a paisaxe, e nesa liña traballa a Xunta”

O Decreto –aclara Balseiro- “é unha demanda do propio sector forestal e gandeiro e farase –apunta– co fin de conseguir o máximo consenso posible entre os interesados”. Ata tal punto é así que o pasado mes de decembro foi obxecto de análise e avaliación no marco do Consello Forestal e tamén está a ser sometido á consideración de distintos entes”- conclúe Balseiro