Comisión 8ª (20/04/2016 b)

Jose Manuel Balseiro lembra que o número de produtores galegos que certifican o seu mexillón baixo a Denominación de Orixe Protexida é hoxe minoritario no conxunto do sector

O PPDEG APOIA A INICIATIVA DA XUNTA DIRIXIDA A ACADAR UNHA DENOMINACIÓN DE ORIXE PROTEXIDA COA QUE TODOS OS MEXILLOEIROS GALEGOS POIDAN SENTIRSE REPRESENTADOS

 mejillon

  • Respalda as xestións emprendidas pola Consellería do Mar que avoga polo diálogo entre produtores e conserva como solución para resolver as diferentes interpretacións ás que leva a recente sentenza en materia de etiquetaxe

Santiago, 20 de abril de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu e respaldou a iniciativa impulsada pola Consellería do Mar dirixida a promover a intermediación e o diálogo entre o sector mexilloeiro galego de cara a analizar en conxunto os efectos da recente sentenza sobre etiquetaxe.

Neste sentido, Balseiro avogou porque desas mesas de diálogo “xurda unha fórmula de consenso na que todos os produtores poidan sentirse representados e incluídos pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia que, ata o momento, agrupa a unha minoría do sector produtor”.

 PRODUTO DIFERENCIADO

 O voceiro popular insistiu en que o Goberno galego “ten que ofrecer á produción e á conserva a posibilidade de poñer o seu produto no mercado diferenciando o galego de aquel que vén de fóra” e insistiu en que “hoxe o mexillón certificado pola DOP non representa a toda a produción e, polo tanto, non cumpre este obxectivo”.

 Balseiro considera relevante os pasos que está a dar a Xunta para clarificar os efectos da recente sentenza sobre etiquetaxe, tendo en conta que “non crea xurisprudencia e que existen dúbidas respecto do seu alcance, ao estar anulada a normativa que regula a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia”.

 DEFENSA DOS PRODUTOS GALEGOS

 “Desde o Grupo Popular sempre estaremos na defensa dos produtos galegos, polo que non imos facer como aquel deputado do BNG que promocionaba mexillón de Galicia con produto de Andalucía”, sinalou Balseiro, quen apuntou que “dentro da defensa rigorosa tamén entra o conxunto do sector produtor, da industria transformadora e especialmente do consumidor”.

 Balseiro lembrou finalmente que o Consello Regulador da DOP Mexilón de Galicia é o que recibe máis axudas da Xunta para o seu funcionamento no conxunto das entidades de produtos de calidade certificada de Galicia e que a propia Consellería do Mar, en colaboración con esta entidade, impulsou a campaña de promoción Namórate dun galego, para sensibilizar e fomentar o consumo do mexillón galego certificado.