Comisión 6 Burela (20/04/2016)

Prospera a iniciativa impulsada polos deputados do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra

O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR EN APOIO DA DECLARACIÓN DA FEIRA DO BONITO DE BURELA COMO CITA DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL

 Sin título12

  • O acordo insta á Xunta a colaborar coa Asociación Ledicia e co Concello na difusión deste evento nos medios de comunicación nacionais, un requisito obrigado pola lexislación vixente para acadar este recoñecemento
  •  Salienta o arraigo e colaboración veciñal na organización desta Feira, a importancia gastronómica do bonito, un peixe clave que identifica a flota artesanal local e a capacidade de atraer visitantes e acoller turistas que ofrece este evento


 Santiago, 20 de abril de 2016.- A iniciativa impulsada polo Grupo Popular en apoio da declaración da Feira do Bonito de Burela (Lugo) como festa de interese turístico nacional foi aprobada esta tarde de xeito unánime polo Parlamento de Galicia.

 O mandato aprobado insta ademais ao Goberno galego a colaborar coa entidade promotora do evento –a Asociación cultural Ledicia– e co Concello de Burela neste obxectivo e, en particular, apoiando os esforzos para a súa difusión nos medios de comunicación nacionais.

 PRODUTO QUE MÁIS E MELLOR IDENTIFICA A BURELA

 O autor da iniciativa e encargado da súa defensa, o deputado mariñán Jose Manuel Balseiro, agradeceu o respaldo recibido e quixo poñer en valor esta cita de exaltación gastronómica do bonito, “probablemente o produto que máis e mellor identifica a Burela en Galicia e no conxunto de España e no mundo”

 Balseiro tamén explicou que a iniciativa busca reforzar os distintos requisitos que a Feira do Bonito debe cumprir para poder acceder a este recoñecemento nacional, en concreto, acadar un número mínimo de vinte actuacións promocionais en xornais, revistas, radios e televisións de tirada nacional.

 O deputado popular aproveitou a súa intervención para convidar aos parlamentarios da Cámara “e a todos os que nos escoitan” a achegarse á Mariña lucense e, en particular a Burela, onde cada primeiro sábado de agosto, desde fai 32 anos, vén celebrándose esta feira.

 DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO DESDE 1999

 Durante a súa intervención, Balseiro fixo un repaso das principais datas na historia desta festa, que obriga a remontarnos ao ano 1983 para, a impulso do colectivo veciñal e cultural Ledicia, lembrar a primeira edición dunha cita que leva tres décadas difundindo os beneficios do consumo do bonito.

 Outro acontecemento importante tivo lugar o 17 de xuño de 1999 cando, “sendo presidente do Goberno galego Manuel Fraga”, o Consello da Xunta aprobou a resolución pola que se declara como festa de interese turístico de Galicia á Feira do Bonito de Burela.

 REPASO DE MÉRITOS

 Nun breve repaso dos méritos que avalan a súa consideración como cita de interese turístico nacional, Balseiro asegurou que a Feira do Bonito consolidouse como un evento de gran relevancia tamén para a promoción e posta en valor deste túnido, un peixe que centra a economía dunha importante flota pesqueira local, galega e artesanal e que no mercado está considerado como un produto de gran calidade.

 Explicou tamén que, pese a ser unha cita que naceu con humildade como unha xornada cultural e gastronómica con fama na comarca da Mariña lucense, rapidamente, e coa complicidade e participación do conxunto dos veciños e da asociación promotora, foi gañando en entidade propia ata atraer a xentes de todas as ideades e procedencias, superando incluso os 10.000 visitantes.

 ACTIVIDADES DIVERSAS

 O parlamentario popular aclarou que durante a celebración da Feira pode degustarse bonito preparado de moi diversas maneiras (asado, en empanada e cocido) grazas ao traballo de centos de voluntarios e colaboradores. Ademais, existe un conxunto de actividades complementarias, entre as que non faltan as degustacións na hostalería local, os espectáculos folclóricos que amenizan a feira co son das gaitas e bailes tradicionais, concertos, xornadas técnicas e actividades infantís, todas, co bonito como protagonista.

 Para rematar, Balseiro significou que Burela é ademais un municipio acolledor, situado no centro da costa lucense, na terra da Mariña de Lugo, con máis dez mil habitantes e cunha capacidade en equipamentos e aloxamentos turísticos moi relevante, capaz de asumir a recepción de todos aqueles que queiran visitar a esta feira.