Comisión 8 (20/04/2016) As Pías Ferrol

Os deputados populares apoiaron un acordo unánime no Parlamento de Galicia dirixido a avanzar no remate do Plan de Saneamento Integral da ría de Ferrol

O GRUPO POPULAR ANUNCIA QUE A XUNTA XA TEN PREVISTO IMPULSAR DE XEITO INMINENTE UN PLAN DE REXENERACIÓN DO BANCO MARISQUEIRO DAS PÍAS EN FERROL

marisqueo as pias /

  •  A Consellería tramita unha encomenda de xestión que dará continuidade aos traballos executados nesta zona no pasado, entre outros a retirada do mexillón, arados, control de depredadores, achegas de area e descompactación do substrato
  •  Balseiro discrepou co BNG sobre o funcionamento da batea de reinstalación de moluscos que permitiu que a ría de Ferrol recuperase no ano 2015 o nivel de capturas e vendas en fresco de bivalvos anterior ao do peche dos bancos por zona C

 

Santiago, 20 de abril de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, anunciou hoxe que a Consellería do Mar ten previsto impulsar de xeito inminente un plan de rexeneración do banco marisqueiro de As Pías en Ferrol.

 De feito, a Administración autonómica xa tramita unha encomenda de xestión que dará continuidade aos traballos executados nesta zona no pasado e que inclúen, entre outras tarefas, a retirada do mexillón, control dos depredadores, achegas de area, a descompactación de substrato e posiblemente o posible traslado de xuvenís.

Balseiro defendeu a utilidade destas medidas para conseguir a mellora da capacidade produtiva deste banco marisqueiro e indicou que estas previsións coinciden coas demandas formuladas á Xunta polas confrarías de Ferrol e Barallobre.

 Dado que na intención do Goberno galego xa está acometer estes traballos, o Grupo Popular facilitou a aprobación dun acordo unánime na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia sobre unha iniciativa do BNG na que se instaba á Xunta a executar estes mesmos traballos xa proxectados.

 SANEAMENTO

 O acordo insta tamén a avanzar no remate do Plan de Saneamento Integral da Ría de Ferrol, establecendo os prazos concretos para acadar este obxectivo. Nesta liña, Balseiro defendeu que as infraestruturas hidráulicas do sistema de saneamento e depuración xa están na súa recta final, e lembrou que a posterior xestión e explotación deste sistema será responsabilidade e competencia do concello de Ferrol, con independencia de que, coma sempre, seguen a contar coa total implicación, o apoio técnico e o asesoramento da Xunta de Galicia.

 O portavoz popular avanzou que, como non podía ser doutro xeito, a Xunta ten un firme compromiso co saneamento das masas de auga da Comunidade galega, de xeito especial no que se refire ás rías produtivas. “Unha boa mostra é que a Xunta ten investido só en saneamento máis de 1.000 millóns de euros dende o ano 2009, dos que case 600 millóns foron destinados exclusivamente á depuración das rías”, engadiu.

 BATEA DE REINSTALACIÓN

 Pola contra, non foi posible o acordo en relación ao punto da iniciativa nacionalista que valoraba negativamente o funcionamento da batea de reinstalación de moluscos que depura aquelas especies producidas en espazos catalogados como zonas C, pola contaminación microbiolóxica que presentan.

 Neste sentido, José Manuel Balseiro defendeu seguir impulsando as bateas de reinstalación, de xeito que non teña custe para as confrarías, tal e como acontece co sistema empregado polos pósitos de Pontedeume, Miño e Corcubión. Ademais, lembrou que a Xunta xa indemniza as perdas de marisco ocasionadas por mortalidades superiores ao 10 por cento que se produzan durante o tempo transcorrido entre a saída e o retorno dos moluscos a lonxa de orixe.

RECUPERACIÓN DE CAPTURAS

 Balseiro lembrou que, grazas ao sistema de reinstalación implantado no ano 2012, a ría de Ferrol recuperou no ano 2015 o nivel de capturas e vendas en fresco de bivalvos que se rexistraron no ano 2005, recuperando ademais o nivel de capturas anterior ao do peche dos bancos por zona C.

 Ademais, indicou que con datos oficiais do último ano completo, as capturas no marisqueo a flote medraron un 45 por cento (pasando de 443.012 quilogramos en 2005 a 495.551 quilogramos en 2015) e o seu valor viuse incrementado máis do 21 por cento (superando os 2,6 millóns de euros). No caso do marisqueo a pé, as capturas medraron o 45 por cento (pasan e 284.469 quilogramos aos 415.000 quilogramos) e o valor económico creceu 11 por cento (ata 875.539 euros)