Pleno do Parlamento 26 04 2016

Os populares apoian os esforzos da Xunta na procura dunha fórmula de consenso para que, a diferenza do que hoxe acontece, o conxunto dos produtores e a conserva poidan sentirse integrados na marca de calidade

O GRUPO POPULAR LAMENTA QUE A OPOSICIÓN QUEIRA DEIXAR FÓRA DO MERCADO Á MAIORÍA DO MEXILLÓN GALEGO

 10056H3

  • Lembra que o Consello Regulador do Mexillón de Galicia é unha das entidades que máis apoios ten recibido da Xunta tanto para o seu funcionamento como en materia de campañas de promoción

Santiago, 26 de abril de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lamentou durante o debate dunha moción no Pleno do Parlamento de Galicia, que as forzas políticas da oposición queiran deixar fóra do mercado á maioría do mexillón galego, cuxos produtores a día de hoxe –maioritariamente- non queren formar parte da Denominación de Orixe Protexida (DOP) e do seu Consello Regulador.

En contraste con esta situación, os populares din que a Xunta ten a obriga e o compromiso de apoiar ao mexillón galego no seu conxunto, tanto ao certificado pola DOP, como tamén ao 86% restante producido tamén nas nosas rías, e que é tan galego como o certificado

Balseiro emprazou á oposición a “deixar de dividir” ao sector e sumarse aos esforzos que está a desenvolver a Consellería do Mar para, promover un proceso de diálogo, na procura dunha fórmula de consenso para que, a diferenza do que hoxe acontece, o conxunto dos produtores e tamén a conserva poidan sentirse integrados na marca de calidade.

SENTENZA SOBRE O ETIQUETAXE

Desde o Grupo Popular insisten en censurar que a oposición desvirtúe a recente sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra en relación coa etiquetaxe do mexillón, porque, nin esta vai contra  da Xunta, nin ten efectos xerais, pois só vincula ás partes: á unha empresa particular e ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia. Aclara tamén que non debe ser interpretada dun modo que acabe poñendo en risco a produción mexilloeira galega.

Balseiro lembrou que Europa segue dubidando que poida ser certificado un mexillón en conserva e que o actual decreto que regula a DOP foi anulado pola Xustiza. Con todo lembrou que si está plenamente vixente o Decreto  124/2010,  que xa establece taxativamente que para que un produto se etiquete como galego,  a materia prima ten que ser galega e a elaboración ten que realizarse en Galicia, aspectos sobre os que a Xunta está vixiante.

 APOIO AO CONSELLO REGULADOR

Por outra banda, os populares censuraron o bloqueo do PSOE que, a pesar de saber a intención do Grupo Popular de votar favorablemente aos puntos dous e tres da emenda socialista relativos ao apoio ao Consello Regulador non permitiron a votación separada destes aspectos.

Balseiro dixo que é unha falacia facer crer que non se está apoiando á DOP cando só en 2015 se destinaron 31.000 euros para colaborar no seu funcionamento e se puxo en marcha a campaña de promoción do mexillón certificado Namórate dun galego, que tivo un custe próximo ao millón de euros, isto é, o 40% do total do gasto que a Xunta destinou para promoción de todas as DOP agroalimentarias de Galicia.

 Finalmente e para desmentir os argumentos empregados pola oposición, o deputado popular lembrou que cos datos oficiais sobre saldo exterior, hoxe Galicia importa un 76% menos de mexillón que cando gobernaba o bipartito, e existen inspeccións constantes no mercado para impedir que se incorra en prácticas de fraude ao consumidor sobre a orixe deste produto.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DO

GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE GALICIA.

E-mail: prensa.grupopopular@parlamentodegalicia.es

Telfs.: 981 55 15 19 / 20