Vilagarcia

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, e o presidente dos populares de Vilagarcía, Tomás Fole, salientaron a importancia que este sector ten no conxunto da comarcas da Ría de Arousa

O GRUPO POPULAR ACUSA Á  OPOSICIÓN DE DESPREZAR Á CONSERVA E ANUNCIA QUE A XUNTA IMPULSARÁ UN PLAN ESTRATÉXICO EN APOIO DE INDUSTRIAS E TRABALLADORES

 Balseiro e Fole en Vilagarcía 02.jpg

  • O Parlamento aprobaba esta semana, co voto en contra de toda a oposición, solicitar ao Goberno galego que execute un catálogo de medidas dirixidas a consolidar o liderado de Galicia no mercado e manter a implicación social e laboral desta actividade na Comunidade galega

 

Santiago, 29 de abril de 2016.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, acosou esta mañá ás forzas políticas da oposición de desprezar os intereses do sector da conserva, logo de que no último pleno do Parlamento de Galicia votasen en contra dunha iniciativa que tiña por obxecto impulsar o plan estratéxico en apoio destas industrias e dos seus traballadores e traballadoras

Balseiro censurou a actitude sectaria dos deputados socialistas, nacionalistas e do grupo de Alternativa Galega de Esquerdas que, movidos pola obsesión de non coincidir co PP, “son capaces de rexeitar iniciativas obxectivamente positivas e dirixidas a consolidar a Galicia no liderado do mercado da conserva e a non perder a implicación social e laboral que esta actividade ten no noso país”.

 O voceiro popular fixo estas declaracións no transcurso dunha rolda de prensa na que estivo acompañado do presidente do PP de Vilagarcía, Tomás Fole. Escolleron esta localidade tendo en conta a importancia que o sector conserveiro ten non só para a comarca do Salnés, senón para o conxunto das bisbarras bañadas pola ría de Arousa e nas que, en practicamente todos os concellos, hai unha conserveira ou actividade vinculada á mesma.

José Manuel Balseiro considerou “incomprensible” que a oposición, entre os que figuran deputados da zona como José Manuel Fajardo, intente boicotear o plan estratéxico da conserva. “Non poden poñer a escusa de descoñecer a importancia dun sector, que é fonte de riqueza e emprego ata o punto de chegar a representar máis do 10 por cento do PIB nalgunhas destas localidades e dar emprego, no conxunto de Galicia, a cerca de 12.000 persoas nas preto de 70 conserveiras galegas”, apuntou.

MEDIDAS CONCRETAS

Entre as medidas citadas e que deberán impulsarse ao abeiro deste plan estratéxico están aquelas encamiñadas a incrementar o valor das conservas galegas, e tamén a consolidar as estruturas empresariais existentes con distintos instrumentos financeiros e axudas que faciliten, por exemplo, gañar en competitividade grazas a unha maior implantación do sector en actividades de I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e Innovación) ou na mellora ambiental.

Como outra das columnas máis importantes do futuro plan, a iniciativa aprobada no Pleno pide á Xunta que se esforce por garantir a estabilidade e calidade do emprego e, moi en particular, o relevante papel que representa a muller neste sector (representan o 90 por cento do cadro de persoal destas empresas). Demanda, ademais, impulsar medidas que afonden en aspectos como o fomento da contratación indefinida e a determinación de políticas de formación e de igualdade de oportunidades vinculadas á conciliación da vida laboral e familiar.

Balseiro e Fole coincidiron en que “apostar pola conserva galega é a súa vez xerar oportunidades para seguir ofrecendo e achegando a España e ao mundo un dos nosos produtos gastronómicos máis singulares e de calidade e comprométense a seguir desenvolvendo este esforzo, con o sen a colaboración da oposición”.