Un novo modelo de pesca

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, acompañado dos deputados Berta Pérez e Jacobo Moreira, así como da alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentaron esta iniciativa que será obxecto de debate e votación no Pleno desta semana

O GRUPO POPULAR BUSCA O APOIO DO PARLAMENTO GALEGO PARA PEDIR A EUROPA QUE CAMBIE O MODELO ACTUAL DE REPARTO DE COTAS DE PESCA

FullSizeRender.jpg

  • Deféndese un novo mecanismo de xestión que permita que as posibilidades de pesca sobrantes se poidan ceder ou traspasar ás flotas que así o precisen para continuar coa súa actividade

 
Marín, 9 de maio de 2016.- O Grupo Popular buscará esta semana acadar o apoio do conxunto das forzas políticas no Pleno do Parlamento de Galicia para pedir, a través do Goberno central e autonómico, que a Unión Europea modifique o actual sistema de reparto de cotas de pesca.

O portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, considera que “o modelo vixente debe ser substituído, demostrada a súa ineficacia, por un novo mecanismo que permita que as posibilidades de pesca sobrantes, e que non son aproveitadas na súa totalidade, poidan cederse ou traspasarse ás flotas, como a galega, que así o precisan para continuar coa súa actividade”.

EVIDENTE CONTRADICIÓN

Balseiro, acompañado dos deputados Berta Pérez e Jacobo Moreira, e da alcaldesa de Marín, María Ramallo, presentaron esta proposición non de lei que esta mesma semana será obxecto de debate e votación no Pleno da Cámara galega.

Para argumentar a súa petición, o portavoz popular lembrou que “na actualidade ten lugar unha evidente contradición: mentres a nova Política Pesqueira Común di perseguir o aproveitamento máximo das capturas, a realidade é que, aplicando o sistema de reparto vixente, non foron utilizadas máis de un millón de toneladas en posibilidades de pesca asignadas aos distintos estados entre os anos 2008 e 2014”.

“Desde o PP e desde a Xunta se intentou en moitas ocasións modificar o sistema europeo de reparto de cotas de pesca, tanto con iniciativas políticas como xudiciais, pero ambas vías non deron o resultado pretendido: a primeira, porque cambiar o sistema esixe da unanimidade de todos os Estados membros, e os países que saen favorecidos nunca aceptan o cambio; e a segunda, porque o Tribunal de Estrasburgo sempre rexeitou os distintos recursos que se presentaron”, explicou.

Balseiro manifestou que “agora ábrese unha nova vía e unha nova oportunidade de acadar este cambio, aplicando a filosofía que a propia Unión Europea estableceu para prohibir os descartes: Europa non quere que se devolva ao mar as capturas accidentais de especies sobre as que xa non dispoñemos de cota, pero, ao mesmo tempo, mantén un sistema de reparto que deixa cotas moi insuficientes para moitos países e outras que non son aproveitadas na súa totalidade”.

REPARTIR AS COTAS SOBRANTES

Corrixir este desequilibrio é o obxectivo do PP e por iso Balseiro apunta que “unha posible solución estaría en articular un sistema mediante o cal poida permitirse repartir as cotas de pesca sobrantes entre aquelas flotas e países que xa esgotaron as que lle correspondían e precisan de cotas adicionais para poder seguir pescando”.

“Isto permitiría un aproveitamento pesqueiro máis ecuánime e xusto das posibilidades de pesca, é dicir, un aproveitamento moito máis eficaz e rendible do noso mar, evitando a perda de actividade e de empregos naqueles países como España, como Galicia, onde as cotas asignadas son moi inferiores á capacidade da nosa flota, todo iso como consecuencia dunha mala negociación no momento da nosa entrada na UE e da aplicación dun criterio de reparto fixo (o principio de estabilidade relativa) inmutable durante todo este tempo”, dixo.